Archive for Agosto, 2009

Ruta Santa Mariña – Cabo Vilán

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 13 quilómetros.
Duración aproximada: 4 horas.
Dificultade: media-baixa, a maior dificultade está no primeiro tramo do camiño desde Santa Mariña ao cemiterio dos Ingleses Lugares de maior interese: porto de Santa Maripa, praia de Trece, cemiterio dos Ingleses, zona de Reira, cabo e faro Vilán.

INTRODUCIÓN
Esta ruta discorre por un dos lugares de maior encanto da Costa da Morte. Vai sempre bordeando o mar, e podemos denominala ruta dos naufraxios pola cantidade de accidentes mariños que houbo neste perigoso tramo litoral.

A maior parte desta costa é moi recortada, con entrantes nos que se forman pequenas enseadas ou praias de forte oleaxe e puntas escarpadas que se introducen baixo as augas constituíndo auténticas trampas para as embarcacións. A ruta pasa por un espacio espacio natural de grande interese como é a praia de Trece e as dunas de monte Branco, e polo Cemiterio dos Ingleses, que nos lembra a maior catástrofe acontecida neste escarpado litoral. Camiñamos despois por unha zona de costa baixa na que alternan parte rochosa con pequenas praias, correspondente á zona de Reira. A partir do alto da Pedrosa, o litoral faise máis abrupto e os cantís máis pronunciados, formas que se prolongas ata o faro Vilán, lugar onde remata o itinerario.

DESCRICIÓN DA RUTA
Iniciamos esta ruta no cruce onde se debía a estrada que baixa cara a Santa Mariña. A nivel urbanístico este núcleo amósanos pouco interese, posto que as súas casas son de nova construcción, sen embargo resulta interesante achegarnos ata a capela de Santa Mariña, de estructura románica, vestixio do que foi o mosteiro de cabo Tosto, que tivo importancia na Alta Idade Media. Ata non hai moitos anos esta aldea estaba illada, o que facía que os seus habitantes tiveran serias dificultades para sobrevivir dos productos que extraían do mar. Na actualidade esta situación cambiou xa ten comunicación por estrada por Xaviña e por Arou. Baixamos ata o pequeno porto de Santa Mariña, situado na enseada do Colludo, ao mesmo tempo aproveitaremos para realizar un percorrido a pé pola estreita península que forma a punta do Capelo, para decatarnos das caprichosas formas que adquiren aquí os granitos, esculpidos pola erosión do vento e do mar. Pedras furadas, cacholas e unha variada gama de seres fantásticos, amósanse á nosa vista. Esta punta tamén é testemuña de varios naufraxios ocorridos nas súas proximidades: o mercante alemán Barcelona (1898), a draga Rosario (1904) ou o carboeiro grego María Laar (1950). En ningún deles se produciron víctimas. Desde este porto collemos un camiño que vai bordeando a enseada do Colludo en dirección ao cabo Veo. Esta punta, extremo oriental da enseada de Trece, é un dos lugares máis perigosos, debido ás restingas e illotes que son como unha prolongación da mesma. Na denominada Laxe ou Cagada naufragaron o Alekos (1935), carboeiro grego, os carboeiros Trevidiere (1911) e Modesto Fuentes (1935) e o balandro San Fernando (1925) que estaba extraendo chatarra dos restos do Trevidiere. Pasado o cabo Veo entramos na enseada de Trece, a máis ampla de todo este itinerario. Tras camiñar por un treito de costa rochosa achegámonos ao extenso areal. Ao comezo vemos as impresionantes dunas do monte

Branco que se elevan a máis de cen metros de altitude, un espacio natural que convén coidar, evitando que os visitantes camiñen por enriba delas. Nesta praia foi onde embarrancou en 1972 un grandioso dique iugoslavo. Nas dunas deste atractivo espacio natural foi onde se asentou a maior colonia de caramiñas (corema album), planta que tivo unha maior presencia nos areais da costa atlántica. No mes de agosto podemos saborear o seu froito, unha pequena baia, semellante a un chícharo, de cor branca rosácea e sabor doce. Ao remate da praia de Trece, collemos un camiño que non conduce á punta do Boi, neste traxecto chamaranos a atención a inclinación que adquiren os piñeiros polo efecto dos fortes ventos procedentes do mar. De lonxe apreciamos os muros do Cemiterio dos Ingleses, construído en 1890, cando se produciu a catástrofe do Serpent, un acoirazado inglés, que provocou a maior catástrofe producida nesta costa. Foi na noite do 10 de novembro de 1890 cando os seus tripulantes se viron sorprendidos por un forte temporal de oeste, que arrastrou ao barco contra os baixos de punta do Boi. Os veciños de Xaviña foron os primeiros en enterarse do tráxico suceso, e co seu párroco á cabeza, acudiron ao lugar do noticia, comezando a ingrata tarefa de recuperación dos cadáveres que o mar ía deixando na costa. Alí mesmo se lle deu sepultura, nun improvisado cemiterio que se construíu ex profeso. Co motivo dos actos de lembranza do seu centenario restaurouse este recinto tal como o vemos actualmente. Este suceso, xunto coas críticas, aparecidas na prensa da época, manifestando as deficiencias de comunicación que padecía esta zona, foron determinantes para axilizar a construcción do novo faro de Cabo Vilán. Despois pasada a punta do Boi o camiño pasa ao pé da pequena enseada e coido de Lucín. Algo máis adiante atópase a furna dos Difuntos Queimados. Este nome procede de cando se queimaron algúns cadáveres procedentes do naufraxio do barco inglés Trinacria (1893), ante a imposibilidade de recuperalos.

Nos baixos das Baleas do Tosto quedaron embarrancados o Duro (1876), vapor español, e un dique francés (1974), pertencente á armada gala. Pasadas as Baleas do Tosto entramos na zona de Reira, onde praias de mar aberto e area graúda, alternan con partes rochosas. Desde aquí gozamos de excelentes vistas sobre o cabo Vilan e o faro. Sobre todo desde onde se atopa a Pedra da Osa, denominada así pola súa forma.

Non se entende como as autoridades permitiron construír algunhas vivendas neste fermoso e solitario paraxe natural. Fronte á denominada praia da Balea atópase o Foxo do Lobo, formado por dous muros de pedra, noutros tempos de maior altura, que conflúen nun pozo de forma circular. Unha trampa para cazar lobos cando os veciños das aldeas de arredor se xuntaban para levar a cabo as batidas contra este canino odiado polos labregos. Poucos metros ao oeste do Foxo do Lobo, vemos unha pequena elevación do terreo que se podería corresponder cunha mámoa, un lugar de enterramento da época megalítica. Subindo o alto da Pedrosa, avistamos á esquerda un enorme bloque granítico, é o Petón do Castelo, denominado así pola súa forma de torreón dunha fortaleza medieval. A punta da Pedrosa, separa a enseada de Reira da Arnela, aquí naufragou o patache portugués Yale Hermoso (1941), cargado de tabaco. Na enseada da Arnela afundíronse os carboeiros: Brigneti (1893), e Trebezy (1929). A pista de terra despois de bordear a enseada da Arnela pasa polo parque eólico e desemboca na estrada que se dirixe ó cabo Vilán. O parque eólico que vemos aquí foi o primeiro que se instalou na Costa da Morte. Agora xa camiñando pola estrada procedente de Camariñas dirixímonos ao Cabo Vilán. Antes deixamos á esquerda a enorme piscifactoría recén construída. Unha vez chegado á explanada do faro Vilán, subiremos primeiro a ver os restos do faro vello, construído no ano 1854. Este pequeno faro de 4ª orde, situábase sobre sobre unha torre de forma octogonal, cun torreón cilíndrico, que aínda podemos ver actualmente. Será no ano 1886, cando saíron á poxa as obras para a construcción do novo faro. Para levantar esta complicada torre, viñeron varios grupos de canteiros de Cotobade (Pontevedra). As obras rematarán dez anos despois. A súa posta en funcionamento tivo lugar o 15 de xaneiro de 1896, sendo o primeiro faro de España que funcionaba con enerxía eléctrica. Na explanada da parte baixa construíuse a vivenda dos torreiros, primeiro dunha soa planta e en 1909 engádeselle unha segunda.

Co paso do tempo a este faro, fóronselle engadindo novos adiantos. En 1922, incorporóuselle o primeiro radiofaro. En 1925, trasládase a sala de máquinas ao edificio das vivendas, dotándoo de grupos electróxenos, en substitución da máquina de vapor. No ano 1962, leváronse a cabo a últimas reformas importantes: instálase a sirena, dótase de lanterna e un novo sistema óptico.

Nos arredores dos cabo Vilán tamén se produciron unha serie de afundimentos: o correo español Cantabria (1773), o Black Arrow (1921), barco requisado polas tropas aliadas aos alemáns; o petroleiro alemán Nort Atlantic (1943), denominado «o barco do gas» e o Banora (1965), barco marroquino cargado de mandarinas.

Ruta Refuxo de Verdes

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 6 quilómetros.
Duración aproximada: 2 horas.
Dificultade: baixa.
Lugares de maior interese: Refuxio de Verdes, Castro redondo ou do Portal, pazo da Ponte e a chousa da Señora.

INTRODUCIÓN
O río Anllóns, arteria fluvial que rega as terras da comarca de Bergantiños, forma na parroquia de Verdes un espacio natural de grande interese xeolóxico, botánico e etnográfico, difícil de igualar en calquera parte de Galicia. Por tal motivo presenta unhas condicións idóneas para ser visitado e a partir del, realizar unha ruta de sendeirismo.

A ruta que propoñemos parte do mesmo Refuxio e segue o curso do río pola marxe esquerda ata a histórica Pontedona. Desde alí, seguindo o antigo camiño, subimos a Vilaverde para continuar por unha pista ata o lugar de Cereo Vello. Logo seguimos cara a Verdes para visitar o pazo da Ponte e a chousa da Señora, unha das poucas carballeiras que se conservan en Bergantiños, e retornamos de novo ao Refuxio.

O REFUXIO DE VERDES
O denominado Refuxio de Verdes, comprende un tramo de río dun 500 metros, desde o muíño de Pose ata os muíños das Sangueiroas, no que o Allóns se encaixa nunha banda de gneis que cruza perpendicular ao río, seguindo o trazado dunha falla. A resistencia á erosión desta rocha fixo que o río abrise camiño aproveitando as súas fracturas e rompendo o seu curso en numerosos brazos, separados por pequenos illotes dando lugar a unha continuada serie de rápidos e fervenzas. No leito do río tamén podemos apreciar a típicas marmitas de xigante, buratos circulares en forma de cazola, formados na parte da rocha onde resulta máis doada a súa erosión. No contorno desta fermosa paraxe medrou un interesante bosque de ribeira, formado no seu estrato arbóreo por: abeneiros, freixos, salgueiros e carballos; pero tamén podemos ver piñeiros, loureiros, estripeiros, abeleiras, etc. No referente ao estrato herbáceo temos unha boa variedade de fentos e outras plantas propias das beiras dos ríos. Polo que respecta á fauna maior do río, Verdes foi un dos mellores coutos troiteiros de Galicia. En tempos atrás, abundaba o reo, o salmón e a troita. A contaminación que sufriron as súas augas mermaron moito esta riqueza. Nos últimos anos a vida do río mellorou, pero aínda cómpre realizar un gran esforzo para que as súas augas volvan ao seu estado natural. A abundancia de muíños que vemos nos arredores do Refuxio, atribúenlle a Verdes un estimado valor etnográfico. Nun espacio de curta distancia hai un total de 15 muíños, nos que moían o trigo ou millo os veciños de Verdes e Cereo. Na actualidade o seu estado de conservación é bastante calamitoso, a non ser os restaurados como refuxio. Cumpría restauralos para non perder este interesante patrimonio cultural.

Verdes tamén desempeña a función de área recreativa, á que acoden durante o ano moitos visitantes a pasar o día e gozar do repouso e serenidade que ofrece este fermoso lugar. O que nun principio naceu como un simple refuxio de pescadores, categoría que aínda conserva hoxe en día, converteuse na mellor área recreativa da comarca.

DESCRICIÓN DA RUTA

Despois de observar a parte do río correspondente ao Refuxio, comezamos o percorrido deste roteiro atravesando a ponte que hai de par dos muíños que fan de refuxio de pescadores. O camiño que leva dirección noroeste, vai bordeando a canle do río pola beira esquerda. Ao comezo vemos algún muíño en ruínas, pertencente aos veciños de Vilaverde. Acompáñanos durante este parte do percorrido o bosque de ribeira que foi medrando nas beiras do río. Logo de levar camiñado preto dun quilómetro, chegamos a Retorta, topónimo que alude á curva que fai o río neste lugar, cambiando a súa dirección cara ao suroeste e realizando un ángulo recto. O motivo desta curva é a banda de granitos perpendiculares á canle que obrigan as súas augas a xirar. As terras da súa marxe esquerda son máis chans, con aproveitamento para o cultivo. Axiña avistamos a Pontedona, unha construcción antiga pola que atravesaba o camiño real que desde Agualada se dirixía a vila oleira de Buño.

Coa construcción da estrada poucos son os usuarios que utilizan este paso, pero non deixa de ter un valor histórico de interese. Nós tomamos este vello camiño que leva á aldea de Vilaverde, un núcleo de agricultores na que podemos apreciar boas casas de cantería cos seus cabazos ou hórreos tipo Coristanco. A partir de Vilaverde seguimos a pista que leva a Cereo Vello, que atravesa unhas boas agras de cultivo, nas que se colleitaba excelente trigo que lle deu sona a Bergantiños de terra farturenta. Nunha destas leiras, denominada agra da Condomiña, apareceu abundante tégula romana, indicio dalgunha construcción daquela época. Cereo Vello, como o seu nome indica, constitúe o primitivo núcleo da parroquia. Nunhas leiras situadas entre esta aldea e a de Cruz de Agrelo, sitúase o castro Redondo ou do Portal, un recinto circular cun muro arredor. O seu interior foi convertido en terra de cultivo, eliminando todo tipo de vestixio de construccións anteriores.

En Cereo Vello emprazase a casa fidalga dos Caamaño, na actualidade bastante transformada, pero que deixa apreciar o seu aspecto señorial na porta principal. Riba do seu dintel vemos unha cornixa con dous chapiteis nos extremos, e entre eles, un escudo dividido en catro cuarteis, no que aparecen os símbolos dos Manueles, Ayala ou Pardiñas. Persoeiros destacados emparentados con esta casa foron: Fabián Pardiñas Villardefrancos, poeta; Ramón Ayala Villardefrancos, alcalde de Santiago e Ramón Pardiñas Villardefrancos, deputado en cortes no século XIX. O conxunto arquitectónico complétase cun longo hórreo e un pombal. Desde Cereo Vello, continuamos camiño pola estrada que leva a Verdes e cruza o Anllóns polo lugar da Ponte. Unha vez pasado o río atopámonos de fronte cos muros da cerca pertencente á casa señorial do pazo da Ponte, fundada pola familia dos Cancela de Arixón (Seavia-Coristanco), que logo emparentaron cos Leis, Turnes e Romero, do pazo de Loroxo (Cambre-Malpica). A casa soarega consta dunha alongada edificación, cunha pequena torre, mais carece de símbolos heráldicos. Preto dela hai outras construccións antigas, nas que vivían os caseiros. Na parte oeste do lugar, achegada ao río, sitúase unha pequena fraga ben conservada que leva o nome de Chousa da Señora, en alusión á dona do pazo. Desde este lugar podemos regresar de novo ao Refuxio, ben seguindo a estrada que pasa por entre as casas de Verdes, ou senón, collendo o carreiro que bordea o río Anllóns.

Ruta Razo – Baldaio

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 7 quilómetros.
Duración aproximada: 2 horas.
Dificultade: media-baixa, a dificultade débese ao encharcamento do terreo e ao ter que camiñar pola area. Lugares de maior interese: praia de Razo e lagoa e marisma de Baldaio.

INTRODUCIÓN
O espacio de Razo e Baldaio, situado na parte norte do concello de Carballo, constitúe un dos lugares naturais de maior interese da costa galega, e polo tanto unha zona moi atractiva para visitar e poder gozar da súa riqueza ecolóxica. Son varios os elementos de interese que o camiñante se atopa neste amplo dominio espacio costeiro. De todos eles podemos destacar o seu valor xeolóxico, botánico, faunístico e paisaxístico.

A proposta dunha visita a esta zona sempre implica un factor de risco para a conservación deste lugar tan delicado do punto de vista ecolóxico, xa bastante castigado pola acción antrópica. Polo tanto deberemos ser estrictamente respectuosos coa natureza á hora de achegarnos a el e alteralo o menos posible.

A FORMACIÓN DE BALDAIO
A orixe de Razo e Baldaio está directamente relacionada coa existencia de dúas fallas paralelas de dirección NO-SL, que provocaron o afundimento desta zona, formando un entrante ou enseada que foi asolagada polas augas mariñas. Nunha primeira fase a este enseada van parar o sedimentos aportados polos regatos que desembocan nesta depresión e que pouco a pouco se vai enchendo de sedimentos aluviais. Nunha segunda fase esta plataforma aluvial iríase cubrindo de vexetación, o que favorecerá unha maior acumulación sedimentaria, transformándose en marisma. Ao mesmo tempo as correntes mariñas van depositando parte das areas procedentes das terras de aluvión en forma de frecha ou barra litoral, seguindo a dirección das correntes mariñas. Esta barra de area unha vez que pecha a boca da enseada, impide a saída das augas fluviais, formándose deste xeito unha lagoa costeira. Nos temporais de mar ou nas grandes arroiadas, rómpese a barra areenta e establécese a comunicación entre a lagoa e o mar, comunicación que pode ser temporal ou permanentemente, como pasa coas lagoas costeiras actuais. A evolución futura destes lagoas costeiras é que pasado o tempo, cada vez se vaian colmatando máis de sedimentos, ata converterse en marismas, e logo, en terra firme. Ademais dos sedimentos aportados polas augas fluviais contribúe tamén a acelerar este proceso os restos de vexetación que vai colonizando os bordes da lagoa. Badaio está xa nunha fase bastante avanzada de colmatación, xa que nos arredores da lagoa podemos ver unha ampla zona de marisma e xunqueira que nun pasado formarían parte dunha lagoa máis extensa.

DESCRICIÓN DA RUTA
A ruta que nos propoñemos a pé pretende visitar os distintos ecosistemas que forman todo este espacio: a praia, as dunas, a xunqueira, a lagoa e a marisma. Neste momento non hai unha ruta sinalizada que non conduza a visitar cada unha das partes anteriormente citadas, pensamos que isto é algo de necesaria urxencia para evitar que os visitantes camiñen indiscriminadamente por todo o espacio. Este itinerario parte da praia de Razo, un extenso areal que se prolonga por Baldaio ata a Pedra do Sal. Se baixamos á praia no lugar de Arnados atopámonos co primeiro lugar de interese da ruta, trátase dunha praia fósil, un fenómeno xeolóxico, que neste lugar percibimos con suma claridade. Para decatarnos del non temos máis que observar os cantís sobre os que bate o mar e veremos que en lugar de rochas están formados por capas de area escura e cantos rodados, cubertos na superficie por unha capa de area máis branca sobre a que medra a vexetación. Estes taludes ou cantís son os restos dunha antiga praia que actualmente o mar está erosionando. Despois de observar este fenómeno xeolóxico resulta doado deducir que o nivel do mar non é algo estático, senón que está sometido a variación co paso do tempo. Subimos ao paseo marítimo e camiñamos en dirección leste cara as dunas e a lagoa. Pasamos de par dun campo de fútbol, atravesamos un regato e volvemos de nova á praia. Aínda que este sexa para a maioría de nós un lugar de espallamento e goce do tempo libre, para calquera persoa observadora e curiosa representa un espacio natural moi ilustrativo para coñecer o desenvolvemento dun proceso xeolóxico sedimentario no que interveñen multitude de factores. A característica máis propia da praia é o seu continuo cambio. Os sedimentos que a forman están sometidos a continuas variacións tanto polo mar coma polos ventos. Os sedimentos que configuran unha praia teñen diferente orixe. Uns sons aportados polos ríos, que ao longo do seu percorrido transportan grandes cantidades de materiais, que ao chegar a desembocadura o mar se encarga de dispersar e depositar nas praias; outros son producto do propio poder erosivo do mar contra os cantís, que despois de seren transportados polas correntes mariñas son depositados nas praias; e por último, está o aporte orgánico, procedente dos caparazóns ou material esquelético dos animais mariños, que se van fragmentando. Toda esta diversidade de materiais poderémolos diferenciar observando cunha lupa a area da praia. Neste praia a igual que calquera outra, distinguiremos tres partes: a praia submariña, cuberta de auga permanentemente; o estrán intermareal, acoutada polos límites da marea; e a praia alta, á que chega a auga só ocasionalmente, en épocas de temporal. Cada unha das partes ten a súa fauna propia.

Podemos observar tamén na praia o poder erosivo do mar. Cada día a forza das ondas e a subida e baixada da marea producen cambios na area. En época de mareas vivas ou vagas de mar aparecen os denominados cantís de praia, chegando ás veces ata as dunas. Despois de observar a praia o noso itinerario segue polos límite entre as dunas e a xunqueira. A nosa seguinte parada será para observar as dunas, que comprenden unha extensión duns tres quilómetros en paralelo á praia. Veremos dúas ringleiras de dunas. A máis próxima a praia está formada por dunas primarias, de recente formación, sen a penas vexetación, o que as fai máis móbiles e cambiantes. A ringleira situada máis cara o interior está constituída por dunas mais fíxas, colonizadas pola vexetación, principalmente pola feo (Anmophila arenaria), que co seu complexo entramado radicular contribúe á fixación da area. A medida que imos camiñando paralelos ás dunas, observaremos bagoadas ou corredores que cortan perpendicularmente as barreiras de dunas e que por eles penetra o mar nos grandes temporais. A vexetación que medra nas dunas tense que enfrontar a unhas condicións de vida moi adversas: un solo areento e cambiante, unha extrema sequidade, altas doses de salinidade, etc. que teñen que soportar as poucas plantas que medran aquí como a leiterena de praia (Euphorbia paralias), o cardo da ribeira (Erynbium maritimum), correola de praia (calystegia soldanella), cebola das gaivotas (Pancratium maritimun),… Á dereita da dunas vemos unha extensa chaira situada ao oeste da lagoa, de forma triangular, é a zona denominada o xuncal, que en tempos atrás formou parte da lagoa, pero que se foi colmatando de materiais sedimentarios, principalmente area transportada polo vento, e que pouco a pouco se foi cubrindo de vexetación, principalmente de xuncos. Nas zonas limítrofes coas coa terra firme aparece outro tipo de vexetación herbácea coma as espadanas, ou leñosa como os salgueiros, ameneiros ou piñeiros. Entre as aves que máis frecuentan esta zona están: escribentas, lavandeiras, lavercas, cotovías dos camiños, merlos, etc. Limítrofe co xuncal pola parte leste está a lagoa, que ocupa a parte oriental de todo o espacio natural. Ten forma irregular pero tendendo a circular, e está dividida en dúas partes por unha pista de terra que a atravesa NO a SL. Pista que se construíu na década dos setenta cando unha empresa privada con autorización para a práctica marisqueira, extraeu grande cantidade de area para a construcción que sería motivo dun longo conflicto entre a empresa e os veciños da zona que durou corenta anos (1948-1988). Tanto a apertura da pista que alterou a circulación das augas, coma a instalación das comportas que impediron a comunicación co mar, a construcción de canles que modificaron a circulación das augas; así coma a extracción de area, alteraron moito o estado natural de todo este espacio. Alteracións que aínda hoxe en día segue a sufrir.

A lagoa ten unha fauna variada de moluscos, crustáceos, peixes a e aves. As aves son o grupos faunístico que máis nos chama a atención. As máis abundantes son a familia das limícolas, aves acuáticas de peteiro e patas longas que buscan o seu alimentos nas lacustres. Entre elas están as píllaras, pilros, pilriños, biluricos, agullas, mazaricos, etc. Tamén son abundantes a anátidas como o alavanco real, o pato asubión, o pato cincento, a cerceta real,… Nos lindes coa lagoa pola parte surleste, esténdese a marisma, un espacio lamacento, sucada de canles polos que penetra a auga cando sobe a marea. Neste zona non hai unha grande variedade de especies debido ás difíciles condicións ambientais pola confluencia de dous medios diferentes: o terrestre e o mariño, sen embargo as especies que conseguen adaptarse a vivir neste medio, teñen poboación moi numerosas. De aí que se diga que as marismas son medios moi productivos. Entre a fauna abundan as anguías, os muxes, sollas e peóns. As aves que se ven coinciden en grande parte coas que hai na lagoa ao baixar a marea. Polo que respecta á vexetación podemos diferenciar tres sectores: o saladar, na zona máis lamacenta no que abundan as salicornias, a acelga salgada, a estrela das xunqueiras, o chantán de mar, etc. Unha zona de xunqueira e a zona de contacto cos prados, con plantas xa propias de terra firme.

Ruta Ponteceso – Corme

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 11 quilómetros.
Duración aproximada: 3 horas e media.
Dificultade: media-baixa, a dificultade estaría situada na beira da enseada polo encharcamento do terreo e na barra debido á area. Lugares de maior interese: Enseada da Insua, Praia de Valarés, Pedra da Serpe, praia da Ermida e vila de Corme.

INTRODUCIÓN
Este roteiro recorre a parte norte da ría de Corme e Laxe. No primeiro tramo do itinerario imos seguindo o curso baixo do río Anllóns, convertido aquí nun amplo esteiro, denominado Enseada da Insua, un espacio natural de grande interese ecolóxica. Cérrase este esteiro cunha barra de area que se formou polo encontro das correntes do río e do mar e que deu orixe ás dunas situadas na base do monte Branco. Bordeando a costa chegamos á acolledora praia de Valarés, e desde alí, seguimos por unha pista de terra que no leva a Gondomil,

aldea onde se atopa a coñecida Pedra da Serpe. A continuación baixamos á praia da Ermida e pola beiramar achegámonos á vila de Corme.

DESCRICIÓN DA RUTA
Iniciamos o percorrido na vila de Ponteceso, ao pé da casa onde naceu Eduardo Pondal, situada a beira do río Anllóns. Esta pequena vila formouse a partir da unión de dous pequenos núcleos que se crearon a ámbolos lados da zona brañenta. O da Trabe, pertecente á parroquia de Tella, que naceu co motivo da celebración da feira; e o de Ponteceso, situado ao pé da ponte, como zona de paso do camiño procedente de Laxe e Cabana, favorecido pola pequeno peirao que se construíu a súa beira e permitiu exercer unha certa actividade comercial. O traslado a este lugar da capital do concello tamén favoreceu o desenvolvemento da vila, instalándose nela outros servicios de ámbito municipal. O topónimo Ponteceso fai referencia a un paso cortado, por causa dunha antiga ponte derrubada cedida ou cesa. Tamén podería aludir a un trabuco ou censo aduaneiro que deberían pagar os usuarios da ponte ao cruzar o río. A ponte actual data de mediados dos século XIX, e substituíu a outra anterior. A verdadeira sona de Ponteceso venlle por ser o berce de Eduardo Pondal, un dos grandes clásicos da literatura galega. O seu pai, emigrante en Bos Aires, fixo fortuna e construíu en 1820 a casa que aínda se conserva á beira do río. Pondal foi o derradeiro de sete irmáns, e ante o falecemento da súa nai, criuose baixo a tutela do seu pai e das irmás maiores. Sempre estivo moi vencellado á súa vila natal, amosándose fachendoso de nacer nela.

Eu nacín en agreste soedade, eu nacín cabo dun agreste outeiro, por onde o Anllóns con nobre maxestade camiña ao seu destino derradeiro. Eu non nacín en vila in cidade mais lonxe do seu ruído lisonxeiro; eu nacín cabo de pinal espeso eu nacín na pequena Ponteceso. O marco xeográfico e histórico de Bergantiños influirá decisivamente na súa obra e serviralle para crear todo o seu mundo mítico e simbólico, baseado no celtismo. Partiremos da praza de Ponteceso, onde hai un monolito dedicado a Pondal, no que aparecen gravadas varias estrofas do seu poema A campana de Anllóns. A continuación paramos para observar a súa casa natal, na actualidade habitada pola familia dos Valdés, descendentes do bardo. Pasamos o serradoiro e comezamos a ver as primeiras marismas do malecón do Couto. Continuamos por Cedeira e Carracido e ao chegar ao Couto, tomamos unha pista á esquerda, que pasa por Currás e baixa cara ao esteiro. Unha vez alí, camiñaremos con tino e afán observador, xa que comezaremos a ver as primeiras aves acuáticas. O camiño vai bordeando a banda dereita do esteiro. Convén que realicemos esta parte do itinerario con afán observador e procurando escorrentar o menos posible as aves que hai nesta enseada. Neste amplo espacio natural, duns catro quilómetros de longo e un de ancho, diferéncianse varios ecosistemas, que se van sucedendo a medida que nos achegamos ao mar. Primeiro atopámonos cunha zona de marisma, na que medran diversas comunidades de plantas: xuncáceas, carrizos e salicornias, son as máis abundantes. Logo temos a chaira intermareal, que ocupa o espacio húmido ata onde chegan as augas da marea. Na baixamar, cóbrese cunha capa de algas mariñas, denominada cebado. Nesta zona é onde se ubica a colonia máis numerosa de aves. As familias máis abundantes son as anátidas e limícolas. Entre as primeiras destacan: o alavanco real, o pato asubión, o pato cincento, a cerceta real, o parrulo pentumeiro ou o parrulo cristado. Entre as segundas, temos os mazaricos, biluricos, pilros, píllaras. Pasada a illa dos Cagallóns, entramos na zona de dunas formadas polos ventos do suroeste que arrastran a area da barra. Unhas son móbiles, carentes de vexetación, e outras, colonizadas por plantas que foron capaces de adaptarse as difíciles condicións de supervivencia que se dan nestas zonas.

Seguindo o carreiro que bordea a costa axiña chegamos á praia de Valarés. Se temos folgos paga a pena subir ao alto do monte Branco para gozar da boa panorámica que nos ofrece. Valarés é unha pequena bagoada que remata nunha praia. Aquí estaba situada a capela de Santa Mariña, que actualmente está ubicada en Ponteceso, mandada trasladar por Cesáreo Pondal, irmán do poeta. Na parte occidental da praia hai un malecón que se construíu para embarcar o mineral de ilminita (ferro titanado) que se extraía neste lugar. Na actualidade esta praia e xunto co piñeiral que hai o seu carón, constitúen un dos lugares de espallamento máis concorridos da comarca.

Saímos de Valarés pola estrada de Ponteceso e logo collemos unha pista de terra á esquerda en dirección a Corme. Despois de circundar o monte da Facha, a pista lévanos a Gondomil, aldea na que se atopa a Pedra da Serpe, situada nun cruce de camiños. Sobre unha rocha erosionada que ten gravada a figura dunha serpe con ás, vemos unha cruz, símbolo da súa cristianización. Non hai unanimidade en canto a súa datación, aínda que a simboloxía que representa é anterior ao cristianismo, a súa construcción atribúese á época romana ou medieval. Conta a lenda que neste territorio había unha invasión de serpes, de xeito que a xente non podía habitalo. Santo Hadrián, que andaba predicando por alí, petou forte co pé no chan e fixo desaparecer aquela terrible praga, quedando as serpes encantadas baixo esta pedra. Desde Gondomil, baixamos á praia da Ermida, que leva este nome pola capela que houbo na illa da Estrela, situada fronte a ela. Saralegui fálanos da existencia nesta illa de dous círculos líticos e Antón R. Casal fai referencia a un castro. Continuamos pola beiramar, pasamos a praia do Osmo e entramos na vila mariñeira de Corme. As boas condicións naturais que presentaba este porto, foi o que determinou que medrara este núcleo urbano con respecto ás aldeas de arredor. A pesca, a industria de salgadura e o comercio marítimo foron o medio de vida dos cormeláns, durante o primeiro tercio do século XX, Corme non configuraba unha parroquia propia, senón que pertencía a CormeAldea. Na zona portuaria existía a capela de Nosa Señora dos Remedios transformada máis tarde en igrexa parroquial.

O núcleo urbano de Corme sufriu unha grande transformación nos últimos anos, o que lle fixo perder o encanto que tivo anos atrás, de súas rúas estreitas, casas con corredor ou patín, pintadas de branco que lle daban todo o sabor dunha pequena vila mariñeira. En Corme naceu o mariño Francisco Mourelle de la Rúa (1750-1820), quen participou nas exploracións e conquistas que España levou a cabo na costa pacífica de América do Norte dende a base de San Brais (actual México). Cruzou o Océano Pacífico en varias ocasións e deixounos un detallado diario da súa primeira viaxe que fixo explorando a costa pacífica de América do Norte.

Desde Corme podemos ampliar o noso percorrido visitando a punta do Roncudo, lugar coñecido pola boa calidade dos percebes que de aquí se extraen; ou a aldea do Roncudo, un pequeno núcleo de poboación que conserva ben a súa arquitectura tradicional.

Ruta Penedos de Piñeo, Pasarela e Traba

Agosto 6th, 2009

Os penedos de Piñeo, Pasarela e Traba forman a parte oriental da serra de Pena Forcada que desde Traba de Laxe se estende ata a punta do cabo Vilán. Todo o conxunto está formado por rochas graníticas, formando os típicos penedos, de cumes pétreos que destacan sobre a paisaxe. Presentan unha cor rosada, semellante ao granito rosa Porriño. A gran beleza da paisaxe que forman estes penedos non pasou desapercibida para escritores como Eduardo Pondal ou Manolo Rivas. A Pondal tráenlle lembranzas amorosas. Penedos de Pasarela, cando vos vexo, penedos suspiro de amor por ela. E. Pondal Para coñecer estes penedos propoñemos dúas rutas:

RUTA DOS PENEDOS DE PIÑEO DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 9 quilómetros.
Duración aproximada: 3 horas.
Dificultade: baixa. Lugares de maior interese: formas das rochas e as panorámicas sobre a costa e a vila de Camelle.

INTRODUCIÓN
Parte esta ruta de Recesindes, aldea da parroquia de Carantoña (Vimianzo), preto do cruce de Laxe. Seguindo un itinerario cerrado a través dunhas pistas forestais imos visitando os macizos graníticos de maior interese que hai nesta zona.O camiño depáranos unhas excelentes vistas panorámicas sobre a costa de Arou, Camelle e Traba. O que máis nos sorprenderá serán as variadas formas que adquiren os granitos. Resultaranos doado apreciar diversas figuras de animais, persoas ou seres fantásticos. Os penedos do Piñeo están separados dos de Pasarela e Traba pola prolongación da depresión do val de Vimianzo cara á praia de Traba. Constitúen un macizo de características semellantes ao anterior, formado por varios cumes ou castelos entre os que destacan: O Castelo, petón Gordo, pena Carbón, pena dos Corvos, Rascalobos ou petón da Leña Brava. Esténdense pola parte norte das parroquias de Carantoña e Calo, que se vai estreitando nos seus límites máis setentrionais ata rematar na enseada de Sabadelle.

DESCRICIÓN DA RUTA
Comezamos esta ruta en Recesindes, lugar onde se atopa o dolmen da Mina, unha mámoa circular con cámara poligonal, destruída en parte en tempos da Guerra Civil. Representa un bo exemplo para observar como é un túmulo ou mámoa por dentro. O itinerario ten forma de curvilínea pechada, agás a subida ao petón do Martiño, que constitúe unha pequena desviación da ruta. O punto de partida é a pista de terra que sae ao pé da última casa de Recesindes que hai á esquerda, en dirección a Laxe.

O primeiro macizo pétreo co que nos atopamos é a cara sur do Castelo no que hai un oco producido por un bloque granítico desprendido, denominado a capela de Lucas. Cando levamos camiñado algo máis dun quilómetro comezamos á ver á dereita os primeiros penedos que espertan a nosa atención polas curiosas formas (un paxaro ou a cachola dun porco). Máis adiante vemos á esquerda o Castelo, un dos cumes máis altos deste macizo. Se queremos ascender a súa cima, a parte máis doada de facelo é a cara oeste. O seu nome, máis ca do aspecto natural, procede da fortificación medieval que se construíu neste lugar, onde apareceron restos de cerámica altomedieval. Desde o seu cume vese todo o curso baixo do río Grande e da ría de Camariñas, por iso en tempos medievais debeu de constituír unha espléndida atalaia sobre as terras que o circundan. Case fronte ao Castelo, está o Petón Gordo, situado á dereita da pista. Un conxunto granítico no que podemos apreciar rochas que figuran un rostro ou un elefante. Cando levamos preto duns tres quilómetros camiñados, chegamos a Pena Tellada, un conxunto pétreo situado ao pé do petón de Leña Brava, no que tamén se atoparon restos de cerámica medieval. Pouco antes de chegar deixamos á dereita unha zona brañenta, típica dos macizos graníticos. Ao subir a costa deixamos á dereita a pista que leva a Magro. A partir de aquí comezamos a ver as primeiras panorámicas sobre a costa que se estende desde O Roncudo ata Arou. Á dereita temos o alto de Rascalobos, e un pouco máis preto do mar, a pena Orelluda.

Máis adiante chegamos a un miradoiro sobre a costa. Fronte nosa temos o petón afiado da Pena da Aiga;-así denominado por ser só accesible ás aigas e outras rapaces- máis abaixo, no litoral, a enseada de Sabadelle, formada por dous pequenos entrantes: o coído da Sabadelle e o coído da Señora, e á esquerda, a vila mariñeira de Camelle. A estes montes e bagoadas que baixan cara o mar, era a onde traían os de Braño a pastar os rabaños de ovellas e cabras. Na baixada, a beira dun regato, atopámonos coa Cruz de Rosiña, un penedo no que hai gravada unha cruz, en sinal de lembranza dunha muller que apareceu morta neste lugar e logo foi soterrada no cemiterio parroquial de Carantoña.

Subimos pola seguinte pista que leva ao Petón do Martiño, unha zona das de maior interese para observar as formas dos penedos e poder contemplar excelentes vistas sobre Camelle. Nun dos penedos que coroan este petón podemos ver a figura dun coello ou lebre. Fronte a el temos unha rocha que semella a cabeza dun oso, ou vista desde outro lado, a cabeza dunha ave. Despois de desandar esta pista e antes de chegar a un regato, vemos á dereita a Pena dos Corvos, na que podemos observar distintas figuras que non chamarán a atención como rostros humanos ou a Pena do Frade ou da Morte, nome que corresponde a súa semellanza con estas figuras. Tamén ollamos máis ao lonxe Pena Carbón, un cume rochoso en forma de castelo, que na parte oeste ten un penedo en posición desequilíbrante, que dá a impresión de desprendemento. Xa próxima a este lugar está a aldea O Campo da Milleira, o máis cercano deste penedos. Desde aquí seguimos a estrada que non conduce ao lugar de partida.

RUTA DOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 7 quilómetros (ida). Duración aproximada: 2 horas e media. Dificultade: media- baixa, a parte dificultosa correspóndese coa subida á parte máis alta dos penedos. Lugares de maior interese: do Castelo de Traba, Vimianzo , Pedra Grande da Barca, , Pena Forcada e Pena da Moa

INTRODUCIÓN
Este pequeno cordal montañoso esténdese de norte a sur, desde o alto do Castelo de Traba, ata a Pedra Grande da Barca. A ruta que nós propoñemos segue paralela a este cordal, pero de sur a norte. Ademais das inmellorables vistas que observaremos sobre o val de Vimianzo ou de Traba, espertará a nosa curiosidade o volume e as formas que acadan aquí algúns penedos, nos que o seu nome procede da súa forma: Pena Grande da Barca, Pena Forcada ou Pena da Moa.

DESCRICIÓN DA RUTA
Comezaremos este itinerario a pé no lugar de Pasarela (Calo), collendo unha pista de terra que sae do lugar do Penedo, en dirección á Gándara da Barca. Cando levamos andado uns dous quilómetros atoparemos un camiño á esquerda que leva á Pedra da Barca, penedo que se denomina así pola forma de navío que ten. No entorno desta pedra foi onde en novembro de 1997 comezaron a extraerse os primeiros bloques de pedra por parte dunha empresa ourensá, dun xeito ilegal, xa que non dispoñía de licencia municipal para esta actividade. Gracias á loita levadas a cabo por asociacións e colectivos ecoloxistas esta extracción paralizouse. Preto da pedra Grande da Barca e da zona onde se realizou o inicio da explotación da canteira, hai outros penedos de singulares formas coma A Cachucha ou A Pena da Man.

Continuamos o ascenso ata chegar ao punto máis alto, coroado por un colosal penedo: A Galla de Pena Forcada (273 m.), situado non lindes dos concellos de Vimianzo e Laxe, denomínase así pola fendedura que ten, semellante a unha forca ou gallas dunha forquita, dándolle nome a toda este cordal que se estende ata a punta de cabo Vilán. Esta pena, xunto coa coa Moa, son as maiores elevacións destes penedos de Traba e Pasarela. Voltamos á pista principal e tomamos outro camiño á esquerda que ascende A Moa ou Castelo (274 m.), cume que remata nun enorme penedo con forma de moa de muíño, de onde lle deriva o seu nome. Desde este lugar gozamos de espléndidas vistas sobre o val e a praia de Traba de Laxe. Neste cume, segundo nos informa o arqueólogo e investigador Antón Rodríguez Casal, existe un recinto castrexo do que quedan poucos vestixios. Tamén nos di que hai dous lenzos de muro de sillares que cerran un recinto cadrado, que poderían corresponder a unha fortaleza medieval. A existencia de cerámica tardorromana e medieval entre os penedos, poderían confirmar esta hipótese. Desde o cume da Moa podemos regresar polo mesmo camiño ou baixar ao lugar da Costa, da parroquia de Traba, e regresar pola estrada de novo a Pasarela.

Ruta Muxía – Monte Facho – Moraime

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 12 quilómetros.
Duración aproximada: 4 horas.
Dificultade: media-baixa. A dificultade correspóndese coa subida ao monte Facho que ten unha pendente pronunciada. Lugares de maior interese: a vila de Muxía, a praia e dunas de Lourido, o monte Facho e a igrexa de Moraime.

INTRODUCIÓN
Esta ruta sae do mesmo núcleo de Muxía, unha vila costeira cunha fonda tradición histórica, na que xunto con Fisterra, representan o final da ruta xacobea. A primeira parte do percorrido discorre pola beiramar, seguindo a estrada cara a Touriñán. Pasamos polo espacio natural das dunas e praia de Lourido e subimos á aldea que leva o mesmo nome. Desde alí ascendemos ao monte Facho, desde onde gozaremos de excelentes vistas. Baixamos a Xurarantes e logo visitaremos Moraime, o lugar de maior interese histórico da ruta, para regresar de novo a Muxía.

A VILA DE MUXÍA

Muxía, terra de monxes, debe a súa fundación ó antigo mosteiro de San Xulián de Moraime, próximo a este núcleo. Facho evanxelizador de boa parte das terras da Costa da Morte. Conta unha tradición que recollida polo cardeal Jerónimo del Hoyo que os monxes de Moraime, concedéronlle licencia aos veciños de Cereixo para construír unha chozas neste porto, porque os herexes ingleses destruíran as súas casas. Segundo esta tradición foi así como naceu a vila da Barca. Muxía estivo baixo o señorío do bispo de Santiago e a presentación do párroco correspondíalle ao mosteiro de Moraime. A reducida dimensión da parroquia muxiá fixo que os seus habitantes dependeran da de Moraime para abastecerse de leña e productos agrícolas, polo que en determinadas ocasións creou conflictos entre ámbalas dúas parroquias. Tamén a fundación do santuario de Nosa Señora da Barca está relacionada co mosteiro de Moraime, pois foron os monxes deste pequeno cenobio os que impulsaron a cristianización dos cultos pagáns que con anterioridade se practicaban nas pedras que había na punta da Barca. Mostra deste proceso evanxelizador é a lenda cristiá que fala da aparición da Virxe ao Apóstolo Santiago neste lugar. Aínda que o santuario actual data de 1719, neste mesmo lugar houbo dúas capelas anteriores de dimensións máis reducidas. As obras deste templo barroco foron custeadas polos condes de Maceda, señores das torres de Cereixo, que decidiron soterrarse no seu interior. A capela de amplas dimensións, é moi austera na súa decoración, non obstante conserva un valiosísimo retablo maior, obra do escultor santiagués Miguel de Romay. Fronte á capela, ollando cara ao mar, vemos as coñecidas pedras de Abalar e dos Cadrís, relacionadas con vellos cultos litolátricos, que na simboloxía cristiá, representan os restos da embarcación que transportou a Virxe. Ademais do santuario da Barca, Muxía dispón da igrexa parroquial de Santa María, un templo gótico, situado na parte alta da vila, na ladeira leste do monte Corpiño. O nome de Muxía está tamén asociado aos secadoiros de congro, un industria artesanal pesqueira, estendida por outros portos do litoral galego, pero que actualmente tan só se conserva aquí. Cando falamos de Muxía tamén nos vén á memoria persoeiros como o poeta Gonzalo López Abente, cantor da terra de Nemancos, ou o fotógrafo muxían Ramón Caamaño, quen inmortalizou coa súa cámara as paisaxes e as xentes da Costa da Morte.

DESCRICIÓN DA RUTA
Comezamos a ruta partindo do mesmo núcleo urbano, logo de visitar a propia vila. Tomamos a estrada que sae do paseo do Coído, situado na parte oeste, un lugar moi coñecido trala catástrofe do Prestige. Seguimos por esta estrada en dirección a Touriñán. A estrada bordea a costa, o que nos permite gozar de boas panorámicas sobre as puntas do Cachelmo, na que se encontra a furna da Buserana, que deu orixe á coñecida lenda; e máis lonxe, a punta da Buítra. Xa pasadas as primeiras casas, delimitan a estrada os muros das hortas, construídos con pedra miúda, que ademais de realizar a función de delimitación da propiedade, servían de protección para cultivos dos ventos mareiros. Pasado o campo de fútbol da Arliña, achegátomandomonos á praia de Lourido tomándo unha pista que baixa a este areal e ao conxunto dunar que se formou ao seu carón. O camiño que seguimos corre paralelo á praia e a ámbolos lados podemos contemplar a formación de dunas colonizadas por plantas adaptadas a este tipo de ecosistemas. Algunhas coma o cardo da ribeira, a cebola das gaivotas ou a correola de praia, son doadas de identificar. Praia e dunas forman un conxunto natural dun importante valor ecolóxico, no que tamén abundan as aves como gaivotas, limícolas, cotovías, escribentas, etc. Ao chegarmos ao extremo occidental da praia collemos a pista que sobe cara a Lourido. Nas súas marxes vemos unha pequena masa boscosa de espiño albar ou estripeiro, arbusto abundante na zona, formando un bosque tupido e inclinado na dirección contraria aos ventos dominantes. A pista emboca na estrada que no leva á aldea de Lourido, desde onde podemos ollar unha fermosa panorámica sobre Muxía e cabo Vilán. Ao final deste núcleo temos unha fonte cunha auga fresca e transparente, que invita a tomar un grolo. Pasada a fonte collemos unha pista á man esquerda que sobe cara ao monte Facho (312 m.). Un camiño costento que comeza bordeado por un bosque de piñeiros e eucaliptos, que desaparece ao chegar ao alto , sendo substituído por monte baixo de toxos e queiroas. O feito de que este monte se atope arrentes do mar dános a impresión de que ten maior altitude. Dende o seu cume permítenos contemplar excelentes vistas sobre as terras do seu contorno. Cara ao norte ollamos de cerca a praia de Lourido e Muxía; e máis ao lonxe, a ría de Camariñas e faro Vilán. Ao leste, as terras da parroquia de Moraime e do val do río Castro; e ao sur, o cabo Touriñán. O regreso farémolo por un pista que segue en dirección sur neste parte alta do monte, e o seu remate, tomamos un camiño cara o leste que logo descende ata outro pista que baixa pola cara a aldea de Xurarantes. Por ela pasa a ruta xacobea de Fisterra-Muxía.

En Xurarantes collemos á dereita o camiño que atravesa este pequeno núcleo relativamente ben conservado, en dirección a Moraime. O camiño pasa por Oruxo, onde nos chamará a atención un singular hórreo construído facendo ángulo, posiblemente única en Galicia. Despois de pasar Casas Novas, chegamos a Moraime, o lugar histórico e artístico de maior interese desta ruta. A historia de Moraime remóntase xa a época romana. Nas escavacións que se realizaron preto da igrexa no ano 1972, apareceron restos dunha mansión romana: un hipocausto, un zócalo de ladrillo e obxectos de cerámica e metálicos. Tamén se encontraron enterramentos pertencentes á época tardorromana ou sueva. O mosteiro bieito suponse que foi fundado cara o século X. A primeira referencia documental data de 1095 e recolle a doazón feita pola familia dos condes de Traba a este cenobio. O mosteiro foi aumentando as súas posesións debido á protección e doazón lle que fixeron estes mesmos condes, ou os reis Alfonso VII e Fernando II. A partir dos séculos XIII e XIV, debilitado o poder real, a pequena nobreza local foise adonando das súas propiedades. No século XVI, foi incorporado a San Martín Pinario de Santiago como priorado. Co paso dos anos a vida monacal foi vindo a menos. No séculos XVI e XVII, os piratas ingleses saqueárono en varias ocasións. A comezos do século XVII, segundo a información do cardeal Del Hoyo, xa non había monxes e o edificio íase arruinando. Daquel conxunto antigo consérvase a fermosa igrexa románica, xa que a casa rectoral construíse no século XVIII. A igrexa ten planta basilical de tres naves e tres ábsidas. A central de forma rectangular como consecuencia dunha reforma que sufriu a comezos do século XVIII e as outras dúas semicirculares. A nave central, máis ancha cás laterais, divídese en cinco tramos, con arcos de medio punto, diferentes aos laterais que son apuntados. A decoración interior está formada polos capiteis con motivos vexetais, as pinturas do muro norte, moi deterioradas pola humidade, os capiteis da porta norte e o tímpano da porta sur. No exterior destacan a porta occidental, protexida por un pórtico de construcción posterior, constituída por tres pares de columnas decoradas, sobre as que se apoian outras tantas arquivoltas, con figuras en forma radial. No tímpano represéntanse sete figuras enmarcadas en arcos separados por columnas, difíciles de identificar. No muro sur vemos unha fermosa porta moi decorada, recuperada en 1975, xa que ata esta data permaneceu tapiada. Consta de tres arquivoltas. As dúas menores descansan sobre columnas adosadas e a maior faino sobre dous capiteis incrustados nos muros. Columnas, capiteis e arquivoltas posúen unha rica e variada decoración. No tímpano represéntase a Última Cea.

De par da igrexa vemos a ampla casa rectoral, construída a mediados do século XVIII.

De Moraime subimos por unha pista que en dirección norte lévanos a capela de San Roque, seguindo as indicacións da ruta xacobea. Neste capela realizábase o antigo rito de «cambio de tella», tradición que consistía en cambiar unha tella da vertente sur cara o norte coa, intención de que calmara o temporal de vendaval (sur), que era o que máis lle afectaba ás embarcacións de Muxía. Desta capela continuamos polo camiño que baixa á aldea de Chorente e despois á praia do Espiñeirido. Bordeamos a praia da Cruz e entramos de novo na vila de Muxía.

Ruta Monte Pindo

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 10 quilómetros.
Duración aproximada: 4 horas.
Dificultade: media-alta.
Esta é a ruta que presenta maior dificultade de todas as da Costa da Morte debido ás pronunciadas pendentes de subida como de baixada ao monte Pindo. Lugares de maior interese: a vila do Pindo, as formas das rochas e as panorámicas que observamos durante o camiño e as vistas que podemos gozar desde o alto da Moa.

INTRODUCIÓN
O monte Pindo é un dos lugares máxicos de Galicia. Esta gran mole granítica situada arrentes da costa, de encrestadas e caprichosas formas, con profundos e pendentes vales de difícil accesibilidade, determinaron que se crearan múltiples lendas sobre este monte. Coñecido tamén como o Olimpo Celta, porque segundo a tradición, as súas pedras foron esculpidas polos antigos celtas. As lendas referidas a el debían ser abundantes e coñecidas xa no século XVIII, para que o padre Sarmiento as recollera no seu diario da viaxe que fixo a Galicia en 1745. Fálase da existencia de dous castelos, un no alto de Penafiel, que pertencera primeiro á mitra compostelá e despois á familia dos Churrichaos, e outro, no alto do Pedrullo ou Casteliño, mandado construír polo bispo de Iria Sisnando II, no século X, e derrubado polo Irmandiños.

DESCRICIÓN DA RUTA
A pequena vila mariñeira do Pindo, denominada igual có monte que está ao seu carón, sitúase no extremo norte do concello de Carnota, e constitúe o núcleo urbano de maior entidade. Non foi parroquia ata hai poucos anos, polo que os seus habitantes pertencían a efectos relixiosos a San Mamede, da que distan uns dez quilómetros. Houbo no Pindo unha capela dedicada a San Pedro, hoxe desaparecida, pero o seu nome aínda se conserva na praia que se sitúa ao poñente da vila. No século XVIII fundouse outra por un particular, que na actualidade, fai de parroquial baixo a advocación de San Clemente. O Pindo e o Ezaro, dúas pequenas vilas mariñeiras, tan próximas unha doutra, estiveron durante moitos anos incomunicadas por estrada. A ponte que as une foi construída en 1951, antes había unha barca para cruzar o esteiro do río Xallas, na que pasaban animais e persoas.

Iniciamos esta ruta na vila do Pindo, nun camiño que sae detrás da igrexa parroquial. Todo el sinalizado coas cores branca e marela, sinais internacionais de sendeirismo de curto percorrido. Despois de atravesar un regato, comeza o camiño bordeado por valados, ao que acompaña unha mesta vexetación, na que abundan os piñeiros, loureiros e algún acivro. Vai seguindo o curso do pequeno regato no que vemos algúns muíños abandonados. Á medida que ascendemos a vexetación vai diminuíndo e o camiño convértese nun carreiro, no que comezan a aparecer os primeiros penedos coas súas fantasiosas formas. Despois de levar camiñado un quilómetro e medio, vemos á dereita o alto do Pedrullo (265 m.). Na súa aba oriental hai un amoreamento de pedras procedentes dunha antiga construcción. Neste lugar dise que estivo situada a antiga fortaleza de san Xurxo. A partir de aquí o itinerario vira á esquerda, por unha zona relativamente chan. Á dereita deixamos o outeiro Onde se Adora, que podería ter relación cun antigo culto pagán, e o chan das Lamas, unha zona chaira, por onde pasaba o camiño que comunicaba a vila do Pindo coa antiga parroquial de san Mamede. A ruta vai seguindo a bagoada dun pequeno regato e o ascenso vaise facendo cada vez máis pronunciado. Á dereita deixamos o Outeiro do Narís, denominado así pola forma que adquire unha das súas rochas. Chegamos a unha zona aberta e chaira, cunha altitude de arredor dos 500 m., é o val de san Lourenzo. Aquí en tempos da II Guerra Mundial, houbo unha pequena explotación de wolfran. Á esquerda do camiño, chámanos á atención un impresionante penedo coa forma de xigante, denominado o Guerreiro. Desde este lugar o camiño segue ascendendo en zig-zag, a través dunha zona arborada e entre penedos. Finalmente temos que abordar o cume de Moa pola parte oriental, para acceder pola zona norte deste inmenso macizo pétreo.

O cume do Pindo, como o seu nome indica, ten forma dunha xigantesca moa ou plataforma granítica, con abundantes pías. Desde este lugar divisamos impresionantes vistas sobre unha ampla zona costeira. Cara ao norte, vemos o encoro de santa Uxía, as terras da parroquia de Arcos e os montes da Ruña; ao sur, enxérganos o val e a extensa praia de Carnota; e cara ao oeste, ao lonxe, o cabo Fisterra, a inmensidade do océano, a ría de Corcubión e as illas Lobeiras. Ao pé do monte, a vila do Pindo e do Ézaro e a desembocadura do Xallas. Se non queremos subir e baixar polo mesmo camiño, unha boa alternativa, será ascender polo camiño que vimos de describir e baixar pola zona norte, seguindo o itinerario que parte de Fieiro (Arcos-Mazaricos); ou senón, comezar a subida por Fieiro, que resulta máis suave, e baixar á vila do Pindo. Para iso precisamos dous coches, un que deixaremos no punto de saída e outro no de chegada.

Para chegar á aldea da Fieiro tomamos unha estrada que sae do Ézaro e sobe ao miradoiro do depósito de auga da mancomunidade de Fisterra. Desde alí, seguimos por unha estrada que atravesa o encoro de Santa Uxía e axiña chegamos á aldea.

Ruta Malpica – Santo Hadrián

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 9 quilómetros
Duración aproximada: 3 horas
Dificultade: media-baixa, a dificultade corresponde a parte da ruta que transcorre ao redor do cabo de Santo Hadrián. Lugares de maior interese: Vila de Malpica, cabo de Santo Hadrián e Santiso de Vilanova

INTRODUCIÓN
Este itinerario permitiranos visitar unha das vilas con máis sabor mariñeiro da Costa da Morte. A partir dela, seguindo un camiño costeiro, o mesmo que seguen os romeiros que acompañan en procesión a Santo Hadrián, chegaremos ao cabo e á capela que leva ese mesmo nome, desde onde poderemos contemplar as illas Sisargas, un espacio natural que conserva unha abondosa e variada colonia de aves mariñas. Regresaremos pola estrada asfaltada que ven a Seaia, a aldea de Malpica, e logo, visitaremos a parroquial de Santiso de Vilanova, onde poderemos observar un conxunto arquitectónico formado pola igrexa, a casa rectoral e o pazo das Mancebas. Voltaremos de novo a Malpica pola estrada que atravesa a agra de Seaia e desemboca na principal que une Ponteceso con Malpica.

DESCRICIÓN DA RUTA
Iniciamos este itinerario na vila mariñeira de Malpica, un núcleo situado sobre un estreito istmo que se estende entre a Atalaia e o continente. O seu espacio urbano configúrase a través dunha rúa principal que atravesa o istmo en sentido lonxitudinal. O reducido espacio para o asentamento do seu núcleo levou ao apiñamento das casas, e ao trazado dunha rede de rúas estreitas que lle atribúen unha singular beleza. O mar foi a razón de ser desta vila. A súa orixe está vencellada á caza da balea que practicaban nesta costa os vascos, pola que tiñan que pagar unha renda ao arcebispo compostelán, señor da vila. Comezaremos o percorrido no porto, onde podemos aparcar con facilidade.

O peirao é o centro da actividade económica desta vila, ollando cara ao mar veremos as embarcacións de pesca, cheas de colorido, as máis grandes na parte exterior da dársena, e dentro, as de menor tonelaxe. Subimos pola rúa do porto ata o cruceiro, e seguimos pola rúa principal, que leva por nome Vila Fano, en honra do enxeñeiro que en 1929 elaborou o proxecto do primeiro dique de abrigo para este porto. Logo visitaremos a Casa do Pescador, construída en 1956, sobre a rampla que baixaba ao embarcadoiro. Nela consérvanse os cadros do pintor surrealista coruñés, Urbano Lugrís González (1908?-1973), quen foi requirido para deseñar a decoración do edificio. A continuación achegámonos á praza de Anselmo Villar Amigo (1850-1918), benfeitor malpicán emigrado en Bos Aires. Coa súa aportación económica construíse unha escola, onde hoxe está ubicado a casa do concello, a fonte que vemos nesta praza e a rampa do porta. Desde aquí baixamos á praia Area Maior para seguir o paseo marítimo que enlaza co camiño costeiro que seguiremos ao longo do noso percorrido. Pasado a Area Maior e Canido, chegamos ao areal de Seaia, unha praia solitaria, na que se formou un pequeno sistema dunar, onde podemos observar unha vexetación propia destes ecosistemas. A partir de aquí comezamos a gozar das primeiras vistas sobre a península de Malpica, panorámicas que irán mellorando a medida que imos camiñando. Seguindo este camiño de beiramar chegamos ao Portiño, unha pequena cala que servía de embarcadoiro para os mariñeiros de Seaia. Nunhas rochas próximas que quedan descubertas na baixamar podemos ver as pegadas e a cunca de Santo Hadrián, así como a serpe, todas elas relacionadas coa lenda deste santo. Desde este lugar subimos á pista que nos leva á capela. Moi preto desta está a fonte santa, na que o día da romaría se enche de xente que lava as verrugas con panos mollados que logo deixa a secar nas plantas de arredor, coa intención de que cando seque o pano tamén seque a verruga. A continuación subimos á capela e ao miradoiro que hai de par, desde onde podemos ollar excelentes vistas sobre o areal de Razo e Baldaio, a costa de Malpica e as Illas Sisargas. A capela de Santo Hadrián data de comezos do século XX, sen embargo o cadeal Del Hoyo (1607), xa nos informa da existencia dunha ermida neste lugar. A romaría celébrase o 16 de xuño, se cae en domingo, senón ao seguinte. A ela acoden moitos romeiros de toda a comarca, que acompañan ao santo en procesión desde a igrexa parroquial de Malpica. Despois de escoitar misa, xantar nos arredores da ermida, á tardiña acompañan de novo ao santo a Malpica. O cabo de Santo Hadrián foi declarado como un punto de interese xeolóxico pola afloración de ortogneises con grandes cristais de feldespato, unha rocha moi antiga, na que ademais podemos observar pequenas cavidades
ou pías como consecuencia da erosión. Se nos achegamos á punta noroccidental do cabo poderemos atopar cantos de basalto, rocha volcánica moi escasa en Galicia. Desde este lugar avistamos as illas Sisargas constitúen un pequeno arquipélago formado por tres illotes: Sisarga Grande, Malante e Sisarga Chica. O maior interese deste espacio natural represéntao a súa riqueza ornitolóxica pois aquí viven unha das colonias máis numerosas de aves mariñas. Desde a capela de Santo Hadrián voltamos pola pista asfaltada que leva a Seaia, unha aldea antiga que dá nome a un arciprestado. É posible que aquí estivese a primitiva igrexa de San Xulián, antes de formarse o núcleo de Malpica. De feito a devoción deste santo está máis vencellada á xente da aldea que aos mariñeiros. Na beira da estrada podemos observar a casa señorial do Brailo, que aínda carente de escudo, conserva elementos suficientes que denotan o seu pasado fidalgo. Atravesamos a estrada de Ponteceso a Malpica e de fronte collemos a pista que atravesa a agra de Seaia en dirección á aldea de Pontella, aquí collemos á esquerda en dirección a Santiso de Vilanova, o seu topónimo fai alusión a un núcleo máis antigo, que ben podería ser o de Seaia. Faremos unha parada na praza para observar as construccións que a circundan. A igrexa parroquial de Santiso data de comezos do século XIX, pero a súa fachada imita ás fachadas barrocas das moitas igrexas rurais que hai na comarca. O seu retablo maior tamén pertence a este mesmo estilo. A dereita da parroquial vemos un rechamante mausoleo, mandado construír pola familia dos Romay Mancebo, os señores do pazo que hai neste mesma praza, de estilo neoclásico, imitando deseños franceses. Data de 1875. A esquerda a igrexa está a que foi a casa rectoral, que alberga unha pequena comunidade de relixiosas. Unha construcción típica do rural galego co seu patio, hórreo e horta. De fronte, cerrando a praza, está a casa fidalga dos Romay Mancebo, benfeitores da igrexa parroquial e señores das terras fértiles que formaban a agra de Seaia. Presidindo a praza levántase un fermoso cruceiro. Desde Vilanova continuamos camiño pola estrada que atravesa de novo a Agra de Seaia e emboca na estrada que ven de Ponteceso no lugar da Cancela das Areas, baixamos polo Ventorrillo e chegamos de novo a Malpica.

Ruta Corcubión – San Pedro da Redonda

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 8 quilómetros.
Duración aproximada: 2 horas e media.
Dificultade: baixa.
Lugares de maior interese: vila de Corcubión, igrexa de San Pedro da Redonda, cabo de Cee e castelo do Cardeal.

INTRODUCIÓN
Este roteiro lévanos a coñecer as dúas parroquias que forman o pequeno concello de Corcubión. Previamente podemos realizar un percorrido polo interesante casco histórico da vila e logo comezar a ruta na praza do Rollo. A primeira parte do itinerario coincide coa ruta xacobea de Corcubión a Fisterra. A partir de San Roque, desviámonos á esquerda cara a San Pedro da Redonda. Bordeamos a pequena península que se forma entre a enseada de Sardiñeiro e a entrada da ría de Corcubión. Temos como principais atractivos do percorrido a fermosas panorámicas sobre o cabo Fisterra, as illas Lobeiras e o monte Pindo, así coma a pequena igrexa románica de A Redonda e o castelo do Cardeal. Entramos de novo en Corcubión pola zona de Quenxe.

A VILA DE CORCUBIÓN
A orixe de Corcubión estivo na primitiva igrexa parroquial de San Andrés de Canle, situada máis ao interior da actual vila. Foi ao parecer no século XIII, coa desaparición das invasións marítimas cando a poboación comeza a instalarse na beiramar, e a igrexa parroquial de San Marcos substitúe á anterior. A vila pertenceu primeiro ao Conde de Traba e logo, á casa de Altamira, formando unha extensa xurisdicción. A comezos do século XVIII, Corcubión tiña uns douscentos veciños que vivían principalmente da pesca da sardiña e do congro. O seu porto tivo importancia desde antigo. A substitución de San Andrés, patrón da primitiva parroquia por San Marcos, patrón de Venecia, amósanos os intercambios que este porto tiña coas prósperas repúblicas italianas. Como noutros moitos portos galegos, os cataláns instalaron factorías de salgadura. Durante a Guerra da Independencia, Corcubión foi víctima dos atropelos cometidos polas tropas francesas, que incendiaron e saquearon a vila. A comezos do século XX Corcubión era una pequena vila próspera que dispoñía dos servicios básicos que existían naquel momento, cabeceira de partido xudicial, cunha pequena burguesía comercial e administrativa. Dentro do seu núcleo urbano podemos apreciar algunhas casas brasonadas e outras de fermosas galerías ou balcóns. Entre elas podemos salientar o pazo dos Condes de Altamira, a casa da Teixeira, o pazo de Dios e Pose, a casa da familia Miñones, etc. A construcción de maior interese correspóndese coa igrexa parroquial de San Marcos de estilo gótico, á que no século XVIII se lle engadiron as capelas do Socorro e da Virxe do Carme. A imaxe de San Marcos da Cadeira, o seu patrón, de orixe italiana e posiblemente doada pola conde de Altamira, constitúe unha excelente talla digna de admirar.

DESCRICIÓN DA RUTA
Comeza esta ruta no centro da vila de Corcubión, na mesma praza de Castelao, desde aquí dirixímonos á praza do Campo do Rollo, onde collemos un camiño estreito e costento, delimitado por muros de pedra, que leva a pequena aldea de Vilar. Neste treito o camiño coincide coa ruta xacobea que seguen os peregrinos en dirección a Fisterra. De Vilar continuamos ata San Roque, onde cruzamos a estrada comarcal 552. Neste lugar, denominado así polo capela que houbo dedicada a este santo milagreiro, avogoso da peste, hai unha área recreativa e un cruceiro. Aquí collemos o camiño en dirección a San Pedro da Redonda, parroquia que xunto coa de San Marcos de Corcubión configuran o concello de Corcubión. O camiño discorre por entre piñeiros e eucaliptos con vistas sobre a praia da Langosteira e Fisterra. Despois de atravesar a aldea da Redonda que conserva algunhas casas tradicionais cos seus cabazos ou hórreos, continuamos camiño ata a igrexa parroquial, unha pequena e fermosa construcción románica de finais do século XII ou comezos do XIII, con nave e ábsida rectangulares, esta última de reducidas dimensións, cóbrese con bóveda de canón. No testeiro ábrese unha fiestra seteira, que no exterior ten arco de medio punto e unha columniña adosada, xa que lle falta a do lado dereito. O arco triunfal que lle dá acceso é de medio punto, sostido por curtas columnas adosadas aos muros e rematadas en capiteis. Nas súas paredas conserva pinturas do século XVI. A nave adquire unha altura moito maior ca ábsida debido ás reformas que se levaron a cabo nela en séculos posteriores. Cóbrese con teitume de madeira a dúas augas. Nos muros ábrese dúas portas cara ao exterior, unha ao norte e outra cara o oeste. Na parte exterior sobresaen os canzorros de orixe románica do muro sur da ábsida, decorados con formas vexetais e os da nave, que incluso se estenden pola fachada, xa posteriores. Esta igrexa presenta unha clara semellanza coa de Santa Leocadia de Frixe (Muxía), tamén da mesma época. Dentro do adro, fronte á fachada temos un interesante cruceiro do século XVII. Desde A Redonda, bordando a península de Quenxe, continuamos camiño cara o seu extremo oriental, ata chegar ao cabo de Cee. Desde este lugar, no que sitúa o faro do mesmo nome, podemos gozar dunha atractiva panorámica. Ao fondo sobresae o impresionante monte Pindo. No medio da ría destacan unha serie de illotes que forman perigosos baixos para a navegación: os dous Carromeiros (O Chico ou Novo e o Grande ou Vello) e as illas Lobeiras, dous pequenos arquipélagos (Lobeira Grande e Lobeira Chica), que as enxergamos ollando cara ó sur da ría.

O nome destas pequenas illas parece proceder da existencia de lobos mariños (un tipo de foca), que habitou nas nosas costas. Topónimo que se repites noutras partes da Costa Morte.

Na Lobeira Grande hai un faro de 4ª orde, que consta dun edificio rectangular, cunha torre adosada no centro. Neste mesma punta de cabo Cee, tamén temos un pequeno faro de 5ª orde, formado por unha construcción cadrada e unha pequena torre de cantería. Este faro entrou en funcionamento a medidas do século XIX. Desde o faro regresamos pola estrada que bordea a península pola súa parte oriental, que pasa ao pé do castelo do Cardeal. Esta fortaleza, xunto coa do Príncipe, situada en fronte, configuraban a defensa da entrada do porto de Corcubión e Cee. Este dous castelos, xunto co de San Carlos de Fisterra e o do Soberano de Camariñas formaban o sistema defensivo construído a mediados do século XVIII na Costa da Morte levado a cabo polo ministro Marqués de la Enseada, durante o reinado de Fernando VI. Nesta pequena fortaleza do Cardeal, na actualidade convertida en residencia particular, a penas apreciamos o seu pasado de construcción militar, a non ser que a ollemos desde o mar, desde onde se aprecian as súas troneiras, que tiñan capacidade para instalar doce pezas de artillería. Xa de camiño cara á vila de Corcubión deixamos á esquerda o castro de Quenxe, un outeiro estratéxico sobre a ría e a praia do mesmo nome. Arredor desta praia era onde se emprazaron as factorías de salgadura construídas polas familias catalanas que se viñeron a instalar nas nosas costas. A estradas que seguimos desemboca de par do cemiterio, na comarcal 552, e atravesa o núcleo de Corcubión. Será pola que nós continuamos camiño para regresar ao punto de partida.

Ruta Cee – San Pedro Mártir

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 12 quilómetros
Duración aproximada: 4 horas
Dificultade: media-baixa.
A dificultade estaría na subida ao alto de San Pedro Mártir. Lugares de maior interese: vila de Cee, área recreativa dos muíños de Toba, igrexa de Toba e San Pedro Mártir.

INTRODUCIÓN
Este itinerario ofrécenos un atractivo percorrido que partindo da vila Cee, lévanos a coñecer boa parte do seu territorio municipal. Despois da vila da Xunqueira, a primeira parroquia que visitamos é a de Toba, de gran tradición histórica. A partir de aquí seguimos polo antigo camiño real que pasaba pola Vilar e a Casa do Camiño ata Bedán, xa da parroquia da A Pereiriña. Desde aquí tomamos dirección leste, atravesamos a estrada comarcal 552 en Lobelos e subimos a San Pedro Mártir, onde tomamos contacto coa ruta xacobea de Santiago a Fisterra, que seguiremos no noso regreso a Cee, despois de baixar o monte da Armada e pasar pola parroquia de Brens.

A VILA DE CEE
O nome de Cee podería proceder da voz céltica ce (terra) ou da latina cetus (balea). As primeiras noticias que temos da vila de Cee, corresponden ao século XII, cando o arcebispo Xelmírez concédelle ao arcediago de Trastámara, Arias Muñiz, a administración dun señorío que, entre outras parroquias, estaba incluída a de Cee. Posiblemente este vila fose fundada despois da desaparición das invasións musulmanas e nórdicas. O comercio e a pesca tiveron un peso importante no desenvolvemento deste núcleo costeiro. A situación de Cee na ruta xacobea cara a Fisterra fixo que xa desde o século XV, existise un pequeno hospital de peregrinos. Durante os séculos XVII e XVIII, Cee formaba unha pequena xurisdicción, independente da de Corcubión, dominada polo clero parroquial e pola fidalguía local. A mediados do século XVIII chegaron os cataláns á vila. Primeiro farano de maneira temporal, durante a época de pesca, e máis tarde, xa se instalan dun xeito definitivo. Durante a invasión napoleónica, as tropas francesas deixaron a vila arrasada, incendiando a igrexa parroquial. No século XIX, coa chegada de nova xeracións de cataláns, a industria de salgadura revitalízase e a actividade comercial e mercantil de Cee vai en aumento. A principios do século XX, coa instalación da Fábrica de Carburos, a vila convértese no núcleo máis industrial da comarca, aumentando dun xeito importante a súa poboación. O primitivo núcleo de Cee, organizábase ao redor das dúas rúas principais: a de Abaixo ou da Mariña, e a de Arriba ou Camiño Vello, por onde pasaba a estrada que se dirixía a Muros. Cee conserva un casco antigo de interese, con rúas estreitas e algunha praciña con sabor tradicional. Na praza da Constitución sitúanse as casas modernistas, construídas pola pequena burguesía local. Na rúa da Madalena, atópase o Pazo do Cotón, unha pequena construcción de aspecto barroco manifestado nas balaustradas do patín e do balcón, e no fachendoso escudo. Outros dous edificios que sobresaen na vila ceense son: a igrexa parroquial de Santa María da Xunqueira, de orixe gótica, como se pode apreciar na súa ábsida; e o edificio da Fundación Fernando Blanco, inaugurado en 1886, como centro de ensino, custeado polo filántropo do mesmo nome, un gran referente na vida educativa e cultural deste vila.

Natural de Cee, foi Domingo Antonio de Andrade (1639-1712), un dos principais artistas galegos do barroco. Escultor e arquitecto, mestre de obras da Catedral de Santiago e autor, entre outras moitas obras, da Torre do Reloxo da catedral santiaguesa.

DESCRICIÓN DA RUTA
Comezamos esta ruta no centro da vila de Cee, diante da Casa do Concello, situada na rúa Domingo Antonio de Andrade. Seguimos en dirección norte ata a avenida de Fernando Blanco, seguimos por esta ata o cruce coa Avenida Finisterre, e logo collemos en dirección á Coruña. Ao chegar ao cruce de Toba xiramos á esquerda pola estrada que nos leva á parroquial de Santo Hadrián. Na bifurcación da estrada cara Estorde ou Lires, atópase a Área Recreativa dos muíños de Toba, que se estende seguindo o curso do pequeno rego de Laxes. O pronunciado desnivel que acada neste lugar a súa canle, foi aproveitado para a construcción dunha conxunto de muíños hidráulicos nos que moían o millo os habitantes desta parroquia ceense. Cando deixaron de cumprir esta función foron restaurados, aportándolle o compoñente etnográfico a este fermoso espacio natural. Despois de visitar este acolledor recuncho, achegámonos á parroquial de Santo Hadrián, que conserva a súa ábsida románica. No campo que hai o seu redor, aínda podemos contemplar algún carballo centenario, baixo a súa sombra celébrase a tradicional romaría o 16 de xuño. Este santo é avogoso para a curación das verrugas e dos vultos. Desde Santo Hadrián, seguimos polo antigo camiño que leva a Vilar de Toba, unha pequena aldea, situada preto da estrada comarcal 552, que conserva algunha casa de pedra e fermosos hórreos. A ruta pasa por diante da denominada Casa do Camiño, denominación que fai referencia ao antigo camiño que desde A Coruña viña en dirección a Cee, Corcubión e Fisterra. Unha vez trazada a estrada C-552, caeu en desuso. Esta construcción foi unha casa grande de labradores, construída a comezos do século XIX. Na aldea de Bedán collemos á dereita, en dirección á estrada AC-552, que deberemos cruzar en Lobelos de Abaixo, e coller a pista que conduce ao alto de San Pedro Mártir. Primeiro pasa por Lobelos de Arriba, e a partir de aquí, comeza un sinuoso e pronunciado ascenso polo medio dun monte arborado de eucaliptos e piñeiros, para salvar o desnivel que hai entre a chaira de Pereiriña e a penechaira que desde a parte alta de Dumbría se estende ata San Pedro Mártir. Antes de chegar á capela, sae unha pista á esquerda que sobe ao Petón de Ferreñas (369 m.), desde onde se divisa un amplo panorama das terras circundantes. Ao norte, o val do río Castro ao seu paso polas parroquias de Coucieiro, Caberta e Salgueiros; ao leste, as terras dos Buxantes; cara ao sur, o cabo Fisterra, a ría de Corcubión e o monte Pindo; e cara a poñente, a chaira de Pereiriña, e máis ao lonxe, os montes de Lires e o océano.

Antes de chegar á capela, no denominado campo de San Pedro, hai dúas mámoas; e outra máis no lugar de Fonte Meás, situada a algo máis dun quilómetro ao noreste da ermida. Cóntase que nos arredores da capela existiu un pequeno núcleo de poboación, que segundo a tradición popular desapareceu despois da invasión dos franceses en 1809. A fundación desta capela data do século XVII. No campo que vemos ao seu redor, no que se atopa tamén a fonte milagreira, celébrase a romaría o día da Ascensión. A xente acode a este santo para curar as dores de cabeza e a reuma. Por este lugar pasa pasa a ruta xacobea, que no alto de Hospital se bifurca en dirección a Muxía ou Fisterra. Esta última despois de pasar polo Marco do Couto e a capela das Neves chega, a San Pedro Martir, para logo descender á vila de Cee. Na peregrinación que anualmente organiza a Asociación Neria polos primeiros de agosto, é tradición recibir aos peregrinos neste campo de San Pedro. A nosa ruta a partir desta capela segue este camiño dos peregrinos ata Cee. Atravesa primeiro unha zona amesetada, para logo baixar polo monte da Armada, desde onde podemos gozar de boas vistas sobre a ría de Corcubión. Despois dun pronunciado descenso chegamos ao lugar de Camiños Chans, preto da parroquial de Santa Baia de Brens. Deulle sona a esta parroquia a ubicación da fábrica de carburos, hoxe pertencente á compañía Ferroatlántica, que data xa do ano 1903. A partir de aquí seguimos pola estrada 550, cara a vila de Cee. Baixamos pola rúa Campo do Sacramento e collemos á dereita pola rúa Madalena, ata o pazo do Cotón, un edificio que data do século XVIII, onde está a pequena praza da Fonte Penín. Desde aquí baixamos á praza da Constitución e chegamos ao lugar de partida.

Next »