* Lonxitude aproximada: 12 quilómetros.
* Duración aproximada: 4 horas.
* Dificultade: media-baixa, a dificultade atópase na subida de Candoas a Fontefría.
* Lugares de maior interese: Vistas sobre a enseada da Ínsua e a barra, Candoas, dolmen de Dombatee castro de Borneiro.

Este itinerario percorre a parte oeste do concello de Cabana de Bergantiños, visitando os dous dos lugares de maior interese prehistórico da Costa da Morte: o dolmen de Dombate e o castro A Cidá de Borneiro. Unha parte do traxecto coincide co camiño que seguía o bardo Eduardo Pondal, cando de rapaz se trasladaba a Nemiña (Muxía) para asistir a clases.
Temos un primeiro tramo do percorrido que transcorre por unha zona chaira, paralelo á enseada da Insua.
Despois ascende á planicie do chan de Borneiro, onde se atopan os dous xacementos prehistóricos antes citados, para logo baixar desde o castro A Cidá, pola empinada costa do Roncadoiro ata As Agrelas.
Consta de sete chantas verticais e unha cuberta. Na parte sudoeste está o corredor de entrada, pouco visible ata as últimas escavacións realizadas nos anos 1987, 1988 e 1989, nas que se comprobou que estaba formado por tres treitos de ortostatos e unha pedra vertical que pechaba a entrada. En todas as chantas do corredor apareceron restos de pinturas, unha das grandes novidades destas escavacións. Tamén se descubriron os restos
dun segundo dolmen máis antigo baixo a coiraza.
O túmulo está formado por terra, cunha coiraza pétrea ao redor. Fronte á porta de entrada apareceron unha ringleira de vinte idoliños antropomorfos.
Entre os materiais atopados podemos salientar: puntas de frecha, follas de sílex, machados, doas de colar, muíños, e diverso material cerámico precampaniforme e campaniforme.
Desde o dolmen dirixímonos á aldea de Vilaseco e desde aquí ao castro A Cidá. Entramos pola parte oeste e observamos a forma ovalada do recinto, protexido por unha muralla e un foxo. Na parte leste, formando unha segunda liña defensiva, está o denominado “barrio extramuros”, constituído por unha serie de construccións,
que poderían estar dedicadas a actividades económicas coma a fundición. As construccións do interior da croa son de forma circular ou ovalada. En moitas delas atopáronse os fogares, formados por pedras chantadas, situados no centro da construcción. Un dos datos que máis nos sorprende é a ausencia de entradas. Sen embargo nas paredes dalgunha vivenda percíbese o seu trazado.
Foron escavadas un total de 36 construccións, o que representan as tres cuartas partes da superficie do recinto. Borneiro foi o primeiro castro galego que contou cunha datación a partir do carbono 14, segundo a cal estaba considerado coma un dos castros máis antigos de Galicia, pero as seguintes mostras deron datas máis tardías.
Este recinto foi escavado en tres ocasións e durante as mesmas apareceron diversos materiais: pétreos, cerámicos ou metálicos.
Saímos do castro pola entrada leste, seguindo o camiño que nos leva ata a ponte dos Muíños, para logo baixar pola estrada a costa do Roncaduiro ata As Agrelas e desde aquí regresamos ao lugar de saída. Para evitar esta parte de estrada ata As Agrelas, estaría ben trazar un ruta que baixara seguindo o rego dos Muíños.