Archive for the 'Sendeirismo Costa da Morte' Category

Ruta Camelle – Laxe

Agosto 6th, 2009

DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 12 quilómetros.
Duración aproximada: horas.
Dificultade: baixa.
Lugares de maior interese: museo do Alemán, penedos e costa de Camelle a Mordomo, praia, lagoa e igrexa de Traba, praia de Soesto e vila de Laxe.
INTRODUCIÓN
Este roteiro entre as vilas mariñeiras de Camelle e Laxe, amósanos Costa da unha Morte, pois boa nel representación do que é a alternan unha costa rochosa e acantilada como a que se forma nos arredores das puntas das Pías, do Cabezo con ou en ou punta Catasol, coídos como pequenas praias, ou na enseadas nas que se formaron pequenas Camelle
enseada de Sabadelle. Tamén temos amplos areais como os da praia de Traba ou Soesto. O camiñante tamén terá a oportunidade de observar as curiosas formas que nesta zona teñen os granitos ou visitar o espacio natural que forman as dunas e a lagoa de Traba; ou observar a beleza das igrexas de Santiago de Traba ou Santa María da Atalaia de Laxe.

DESCRICIÓN DA RUTA
Iniciamos o itinerario no museo do Alemán, situado na parte norte da vila de Camelle. Unha obra realizada polo alemán Mannfred ao longo de trinta anos. Constituído por esculturas feitas con materiais que o mar lle foi dando forma ou que arrastrou ata este lugar, xunto con combinación de círculos de cores que decoran os arredores. Este singular persoaxe chega a Camelle no ano 1961, coincidindo coa festa do Espírito Santo. Tras coñecer á familia Baña Heim, de ascendencia tamén alemana, decide quedarse a vivir en Camelle. Será a comezos dos anos setenta cando decide levar unha vida en solitario, retirándose a vivir a un pequeno habitáculo que constrúe na beiramar, onde hoxe está o museo. A súa pretensión era vivir á marxe dos condicionamentos sociais establecidos e depender o menos posible do mundo que o rodeaba. Despois de moitos anos dunha vida en pleno contacto coa natureza circundante, será a partir do ano 2000 cando lle comecen os primeiros problemas de saúde. A catástrofe do Prestige produciu semellante impacto na súa persoa que non foi quen de superalo, falecendo o 28 de decembro do ano 2002. Trala súa morte, tanto a súa persoa coma a súa obra recobraron unha gran forza, transformándose nun dos símbolos de identificación da Costa da Morte. Man quedou como un exemplo de inocencia e pureza espiritual fronte aos intereses materiais que dominan o mundo actual. Seguimos o percorrido a través do paseo marítimo que bordea a enseada e a praia de Camelle, aproveitapertencíanremos durante este treito do camiño observar como é a vila de Camelle, un núcleo de poboación mariñeiro, que a comezos do século XVIII, non tiña máis ca unha ducia de casas, que dependían do conde de Altamira. Foi a partir de finais do século XIX, despois da redención foral cando comezou a medrar. Non obstante non se constituirá en parroquia ata 1973, antes perntencían a de San Pedro de Ponte do Porto. Logo de bordeada a praia seguimos pola pista que nos leva á enseada de Sabadelle, unha estreita tira de terra pertencente ao concello de Vimianzo, na que se asentou o fidalgo Gregorio de Lema, un orfebre procedente da achegada parroquia de Traba. Fundador da cofraría do Espírito Santo de Camelle e impulsor da construcción da nova capela, hoxe convertida en igrexa parroquial. O nome de coído da Señora, procede desta casa fidalga que antigamente houbo neste lugar. Pasado Sabadelle o camiño segue bordeando o mar, pasando preto da punta Cabezo, onde naufragou en 1883 o carboeiro inglés Chamois, sen producirse víctimas gracias aos labores de salvamentos levados a cabo polas xentes de Camelle e Traba. Bordeamos a costa atravesando unha paisaxe de penedos de curiosas formas. Axiña avistamos as primeiras leiras dos veciños de Mórdomo, a primeira aldea que nos recibe xa da parroquia de Traba. O nome deste lugar fai alusión a un maordomo ou encargado de administrar os bens dunha familia fidalga, cofraria ou irmandade. Neste caso debe referirse á casa fidalga dos Leis que houbo neste núcleo. De Mórdomo achegámonos á lagoa que hai na beiramar, de orixe semellante a outras que temos na costa galega. Sobre un entrante ou baía, no que desembocan dous regatos, foise pechando co aporte de materiais fluviais, xunto cos aportados polas correntes mariñas, configurando unha barra de area que provocou o encoramento da auga. A lagoa que vemos actualmente está nunha fase de colmatación, que a levará a súa desaparición, transformándoa nunha pradería. Como sucede na maioría das lagoas, esta de Traba conserva tamén a súa lenda, que fala sobre a existencia dunha cidade asolagada: a de Valverde e da pouca fe cristiá que practicaban os seus habitantes. Un tupido carrizal rodea o perímetro deste pequeno humidal, que serve de protección a súa fauna, composta sobre todo por anátidas e outras aves invernantes. A mellor maneira de observar a lagoa é achegarnos ao seu borde norte, por estar máis desprovisto de vexetación. Desde este lugar tamén aproveitaremos para observar as dunas coa súa vexetación de plantas halófilas e a extensa praia na que abundan a gaivotas. Pasada a lagoa temos un pontella que atravesa a canle que a comunica co mar, e embocamos nunha pista parcelaria que nos leva á aldea de Boaño. Antes de achegarnos a esta aldea convén que visitemos a igrexa parroquial de Santiago de Traba, afastada das casas. Un templo que conserva a súa estructura románica, á que se lle engadiron dúas capelas laterais: ao norte a da Virxe dos Milagres, do primeiro tercio do século XX, e ao sur, a do Rosario do século XVII. A súa fachada-retablo, de estilo barroco data do século XVII, pero aproveitáronse elementos dunha anterior, de estilo renacentista. Toda ela enmarcada nun arco de medio punto que se divide en tres canles. Na central ábrese a porta e dous fornelos, que dan acubillo a Santiago, o patrón, e á Inmaculada. Á esquerda están Adán e e San Pedro, e á dereita, Eva e San Francisco. Na aldea de Boaño, pola que atravesa a pista que nos leva por esta ruta costeira, existiu a casa fidalga do Pombal, hoxe desaparecida, soar dos Núñez e Martelo, familia da que descende o poeta Evaristo Martelo, que viviu no castelo de Vimianzo. A pista que bordea a costa ofrécenos fermosas panorámica sobre a praia de Traba e remata na praia da Arnado. A partir de aquí seguimos o camiño que pasa primeiro fronte aos baixos do Ataín, topónimo que procede do nome dun barco que se afundiu neste lugar; e despois, bordea a punta Catasol e leva á praia de Soesto. Areal extenso e aberto ao océano coma o de Traba. O seu abundante oleaxe fai que sexa unha praia axeitada para a práctica de surf. Da parroquia de Soesto foi natural Juan Antonio Posse (1766-1854), un cura liberal, defensor da constitución de 1812. Por tal motivo foi represaliado. Despois de atravesar a praia de Soesto, seguimos polo camiño, que en dirección a Laxe, sobe entre o petón do Castro, unha impoñente mole granítica, e o monte Cornaceiras. Preto deste petón é a onde acode a xente de
Laxe a celebrar o luns de Pentecostés, a chamada Festa do Peñón, seguindo un vella tradición de vir agardar aos romeiros que viñan andando, procedentes da festa do Espírito Santo de Camelle. Xa chegando a Laxe vemos no alto a capela de Santa Rosa, unha construcción recente, pero que xa no século XVII neste mesmo lugar se levantou un cruceiro, a iniciativa dun veciño laxense para enterrar ao seu carón unhas supostas reliquias de Santa Rosa de Lima. Desde este lugar gozamos de fermosas panorámicas sobre a vila de Laxe, a praia e a ría. Desde aquí baixamos Laxe, situada ao pé dunha excelente praia, que lle proporciona un gran atractivo turístico. A vila aínda. conserva algunhas casas de interese que nos lembran a longa historia deste vila. As dúas construcción de maior relevancia son: a casa do Arco e a igrexa de Santa María da Atalaia. A primeira foi soar da familia dos Moscoso, condes de Altamira, como aínda amosan os seus símbolos heráldicos. Membros desta mesma familia foron os que mandaron construír a igrexa parroquial de Santa María da Atalaia. Un templo gótico, dunha soa nave de tres tramos, con arcos apuntados que descansan sobre semicolumnas. A capela maior ten forma rectangular e cóbrese con bóveda de crucería. No testeiro ábrese un rosetón que dá acubillo á unha imaxe pétrea da patroa. Máis abaixo vemos o relevo da Resurrección, un friso en pedra, tamén gótico, no que se representan cinco escenas da Resurrección de Xesucristo. Este mesmo motivo tamén aparece na parte exterior da porta norte. No muro sur sobresaen o campanario cadrado, os contrafortes e varias esculturas góticas. Na súa lisa fachada ábrese unha porta de arco apuntado e un rosetón. Laxe foi o berce dun do máis ilustres científicos que tivo Galicia no século XX no eido da xeoloxía, Isidro Parga Pondal (1900-1986), fundador do Laboratorio Xeolóxico de Laxe.

Ruta Cabo Fisterra

Agosto 6th, 2009

Lonxitude aproximada: 7 quilómetros.
Duración aproximada: 2 horas e media.
Dificultade: media-baixa, tan só pode presentar unha pequena dificultade a subida ao monte Facho desde o faro Fisterra.
Lugares de maior interese: vila de Fisterra, igrexa de Santa María das Areas, cabo e faro de Fisterra e monte Facho.

INTRODUCIÓN
Con esta ruta pretendemos coñecer un dos lugares máis emblemáticos da Costa da Morte, como é Fisterra. Partiremos do seu porto e a continuación realizaremos unha visita polos lugares de maior interese da vila. Logo visitaremos a igrexa parroquial de Santa María das Areas, un interesante monumento de orixe románica, pero que sufriu numerosos cambios ao longo do tempo. No seu interior atópase a capela do Santo Cristo.
RUTA: Cabo Fisterra

Seguimos camiño pola estrada que leva ao faro, que nos ofrece atractivas vistas sobre o mar e as terras que bordean a ría de Corcubión. Chegamos ao faro, o lugar máis visitado de toda esta rexión costeira. Subimos ao monte Facho, un lugar mítico cheo de lendas, e por último, visitamos os restos da capela de San Guillerme e desde alí baixamos de novo á vila fisterrá.

VILA DE FISTERRA
A historia de Fisterra está moi relacionada coas lendas precristiás que nos falan da existencia de cultos pagáns e a súa posterior cristianización. Tamén se relaciona coa ruta xacobea e coa chegada dos restos do Apóstolo Santiago a Galicia, a través da cidade lendaria de Duio. Desde finais do século XIII ata finais do XIV, esta vila pertenceu á familia dos Mariño. Un dos membros desta familia: Vasco Pérez Mariño, chegou a ser bispo de Ourense. Isto explica que Fisterra pertencera ao cabido ourensán. Máis tarde, a través dun intercambio entre o arcebispo compostelán e o cabido daquela cidade, a vila mariñeira pasou ao poder da mitra compostelá. Foron varias as invasións de pobos estranxeiros que sufriu esta pequena vila mariñeira. En 1552, uns piratas franceses atacan Fisterra e saquean a ermida de san Guillerme, levándose a imaxe do santo e un brazo gonercido de prata que había na igrexa de Santa María, segundo nos informa o cardeal Jerónimo del Hoyo nas súas Memorias. Este eclesiástico infórmanos tamén do hospital de peregrinos que había fronte á igrexa parroquial de Santa María, fundado polo párroco Alonso García no ano 1469. No século XVIII, José Cornide, dinos que Fisterra é un lugar pequeno, situado de par dunha extensa praia, na que se pode desembarcar. No ano 1809 Fisterra sofre a invasión das tropas francesas que incendiaron o castelo de San Carlos. Moitos veciños ante a imposibilidade de facerlle fronte as tropas invasoras, decidiron subir a bordo de varias embarcacións e protexerse no interior da ría. A principios do século XX, Fisterra era xa unha vila grande con máis de dous mil habitantes, que vivía da pesca, tendo como embarcadoiro a praia da Ribeira. Tiña fábricas de salgadura, un variado comercio, sociedade recreativa e pósito de pescadores. As casas máis antigas situábanse entorno ao embarcadoiro. O pobo configurábase en dous barrios: un máis antigo, entorno á Ribeira, e outro, máis moderno, denominado Cabo da Vila, situado á entrada.

RUTA: Cabo Fisterra

DESCRICIÓN DA RUTA
Comezados este itinerario no núcleo urbano partindo do porto, por ser un lugar axeitado para deixar o coche. Un paseo polo peirao permitiranos contemplar as diferentes actividades desta vila mariñeira. Chamaranos a atención unha enorme áncora pintada de negro, posta aquí en en lembranza do naufraxio do Casón. Desde o porto encamiñámonos á praia da Ribeira, unha pequena cala que fixo de embarcadoiro antes construírse o peirao actual. Ao redor desta praia orixinouse o núcleo urbano. No extremo sur desta pequena cala está o castelo de San Carlos, unha das catro fortalezas que os Borbóns ordenaron construír para a defensa desta costa a mediados do século XVIII. Dentro dispoñía dunha nave para albergar unha pequena tropa. Foi arrasado durante a invasión francesa, sendo restaurado despois de moitos anos de abandono. No seu interior construíuse unha edificación que se utilizou para diversas finalidades: culturais, administrativas e sociais. Na actualidade está pendente de ser restaurado para dedicalo a fins culturais e turísticos. Desde o castelo trasladámonos á pequena praza de Ara Solis, na que destaca a capela do Bo Suceso, de estilo barroco, fundada polo párroco Mateo Pérez Porrúa no ano 1743. O retablo da capela maior, tamén barroco, está presidido pola Virxe do Socorro. Nesta mesma praciña hai unha casa antiga cun escudo e un reloxo solar que data de comezos do século XVII. A partir desta praza collemos en dirección oeste cara a igrexa parroquial e o faro. Ao final da vila, na estrada que se dirixe ao faro, atópase a igrexa de santa María das Areas. O seu afastamento da ribeira, pode tomarse como unha medida de protección contra as frecuentes invasións marítimas. Ten planta de salón, formada por unha capela maior rectangular, cuberta con bóveda de crucería e unha nave da mesma forma, dividida en catro tramos. A fachada principal presenta un trazado liso, con dous contrafortes nos extremos, destacando como elemento decorativo as arquivoltas románicas que delimitan a porta. Fronte a ela vemos catro arcos de medio punto sobre piares, que se levantaron para soportar o peso do pórtico, hoxe desaparecido. No extremo sur, adosada á nave, érguese a torre campanario do século XVI. A esta estructura primitiva de base románica, fóronselle engadindo varias construccións á ámbolos lados dos muros, que desfiguran a súa forma orixinal. Na parte norte, adosóuselle a capela do santo Cristo, a máis ampla, que data de finais do século XVII ou comezos do XVIII, de feitura barroca. O retablo, tamén deste mesmo estilo, foi esculpido polo santiagués Miguel de Romay. A imaxe do Cristo é gótica e foi cedidadoou por Vasco Pérez Mariño, natural de Fisterra e bispo de Ourense, quen donou unha imaxe semellante para a catedral ourensá.

Son moitas a lendas que se crearon ao redor do santo Cristo. Desde atribuírlle propiedades humanas como que lle medran a uñas ou o pelo, ata dicir que é obra do propio Nicodemo, o xudeu que axuda a desencravar a Cristo. Ó oeste da capela do Cristo, sitúase a antiga capela do Rosario, hoxe do Carme, de estilo plateresco. Neste mesmo muro norte ábrese unha fermosa porta de arco mixtilíneo, con escudos a cada lado. No muro sur sobresaen a sancristía e a capela de san Miguel e das Angustías, de finais do século XV. No campo que hai na parte sur desta igrexa é onde se escenifica a Resurrección de Cristo, o domingo de Pascua, á que acoden milleiros de romeiros. Desde a igrexa seguimos pola estrada que leva ao faro, un percorrido que nos ofrece excelentes vistas sobre as illas Lobeiras, o monte Pindo e a extensa praia de Carnota. Pasamos ao pé da fontes de Cabanas, que nos invita a facer unha parada , deixamos á dereita os cubos do cemiterio proxectado polo arquitecto César Portela, un proxecto innovador pero de pouco éxito popular. Despois de levar andado uns dous quilómetros e medio, chegamos ao faro, situado no extremo do cabo, a 143 metros de altitude. De fronte atopámonos cun edificio rectangular de dúas plantas. Na parte posterior sobresae a torre do faro de forma octogonal, coroada pola lanterna. Un edificio que data de 1853. Na parte sur sitúase a sirena, construída posteriormente, da que sobresaen dúas buguinas que emiten estrondosos sons cando hai cerrazón de néboa. Nos últimos anos o edificio do faro foi rehabilitado e dedicado a fins culturais e turísticos. Sobre un promontorio máis elevado destaca o edificio do Semáforo, antiga estación de emisión de sinais mariñas, tamén recuperado e destinado á hostalería. De volta do faro collemos unha pista á esquerda que sobe ao alto do monte Facho (241 m.). Ao comezar o ascenso atopámonos cun miradoiro construído despois de selar o vertedoiro que había o seu pé. Ascendemos unha empinada costa e chegamos ao alto do monte, onde veremos un recinto cerrado, no que se sitúan as antenas da Estación de Radio Telegráfica. Dentro deste, segundo Benjamín Trillo, estaría a tumba de Orcavella, topónimo que ven a significar arca vella ou dolmen, da que existe unha antiga lenda que fala dunha muller vella, que cansa de vivir, cavou unha tumba e encerrouse dentro cun xove pastor.

Despois de pasar este recinto cercado, sobre unha pequena elevación, que polo oeste precipítase cara ao mar, sitúanse as denominadas Pedras Santas, ás que fan referencia xa no século XVI, viaxeiros que se achegan a Fisterra. Veñen sendo dúas pedras case redondas que abalan. Desde este lugar temos unhas boas panorámicas sobre a praia do mar de Fóra e o cabo A Nao. Continuamos o camiño en dirección norte e baixamos a unha pista de terra que pasa entre o monte Facho e o monte de san Guillerme. A chegar a ela collemos á dereita para máis adiante tomar un camiño á esquerda que leva ao alto de san Guillerme onde se atopan os restos da capela dedicada a este santo. Desde este alto poderemos gozar de inmellorables vistas sobre a vila de Fisterra, a praia da Langosteira e o arco fisterrán. De par dun gran penedo, veremos os restos dos muros da capela e un sepulcro, que se podería corresponder coa cama, da que nos fala o padre Sarmiento, dicindo que alí acudían os matrimonios estériles para ter descendencia. No temos datos sobre a fundación desta ermida, sen embargo temos noticias que durante a Idade Media, foi un lugar importante de peregrinación, citado polo tribunais flamengos que impuñan como pena, peregrinar a un lugar afastado. Existen distintas versións sobre figura de san Guillerme, pero en realidade debe tratarse dun eremita que se retirou a vivir a este lugar. Retrocedemos polo mesmo camiño e ao chegar a pista collemos á dereita en dirección a Fisterra. Máis adiante deixamos unha pista á dereita e continuamos pola que se achega máis ao mar de Fóra para despois seguir por un camiño que nos leva á aldea da Insua. Despois de atravesala, baixamos de novo á vila de Fisterra, de onde partimos.

« Prev