Ruta Cabo Fisterra
admin Agosto 6th, 2009
Lonxitude aproximada: 7 quilómetros.
Duración aproximada: 2 horas e media.
Dificultade: media-baixa, tan só pode presentar unha pequena dificultade a subida ao monte Facho desde o faro Fisterra.
Lugares de maior interese: vila de Fisterra, igrexa de Santa María das Areas, cabo e faro de Fisterra e monte Facho.
INTRODUCIÓN
Con esta ruta pretendemos coñecer un dos lugares máis emblemáticos da Costa da Morte, como é Fisterra. Partiremos do seu porto e a continuación realizaremos unha visita polos lugares de maior interese da vila. Logo visitaremos a igrexa parroquial de Santa María das Areas, un interesante monumento de orixe románica, pero que sufriu numerosos cambios ao longo do tempo. No seu interior atópase a capela do Santo Cristo.
RUTA: Cabo Fisterra
Seguimos camiño pola estrada que leva ao faro, que nos ofrece atractivas vistas sobre o mar e as terras que bordean a ría de Corcubión. Chegamos ao faro, o lugar máis visitado de toda esta rexión costeira. Subimos ao monte Facho, un lugar mítico cheo de lendas, e por último, visitamos os restos da capela de San Guillerme e desde alí baixamos de novo á vila fisterrá.
VILA DE FISTERRA
A historia de Fisterra está moi relacionada coas lendas precristiás que nos falan da existencia de cultos pagáns e a súa posterior cristianización. Tamén se relaciona coa ruta xacobea e coa chegada dos restos do Apóstolo Santiago a Galicia, a través da cidade lendaria de Duio. Desde finais do século XIII ata finais do XIV, esta vila pertenceu á familia dos Mariño. Un dos membros desta familia: Vasco Pérez Mariño, chegou a ser bispo de Ourense. Isto explica que Fisterra pertencera ao cabido ourensán. Máis tarde, a través dun intercambio entre o arcebispo compostelán e o cabido daquela cidade, a vila mariñeira pasou ao poder da mitra compostelá. Foron varias as invasións de pobos estranxeiros que sufriu esta pequena vila mariñeira. En 1552, uns piratas franceses atacan Fisterra e saquean a ermida de san Guillerme, levándose a imaxe do santo e un brazo gonercido de prata que había na igrexa de Santa María, segundo nos informa o cardeal Jerónimo del Hoyo nas súas Memorias. Este eclesiástico infórmanos tamén do hospital de peregrinos que había fronte á igrexa parroquial de Santa María, fundado polo párroco Alonso García no ano 1469. No século XVIII, José Cornide, dinos que Fisterra é un lugar pequeno, situado de par dunha extensa praia, na que se pode desembarcar. No ano 1809 Fisterra sofre a invasión das tropas francesas que incendiaron o castelo de San Carlos. Moitos veciños ante a imposibilidade de facerlle fronte as tropas invasoras, decidiron subir a bordo de varias embarcacións e protexerse no interior da ría. A principios do século XX, Fisterra era xa unha vila grande con máis de dous mil habitantes, que vivía da pesca, tendo como embarcadoiro a praia da Ribeira. Tiña fábricas de salgadura, un variado comercio, sociedade recreativa e pósito de pescadores. As casas máis antigas situábanse entorno ao embarcadoiro. O pobo configurábase en dous barrios: un máis antigo, entorno á Ribeira, e outro, máis moderno, denominado Cabo da Vila, situado á entrada.
RUTA: Cabo Fisterra
DESCRICIÓN DA RUTA
Comezados este itinerario no núcleo urbano partindo do porto, por ser un lugar axeitado para deixar o coche. Un paseo polo peirao permitiranos contemplar as diferentes actividades desta vila mariñeira. Chamaranos a atención unha enorme áncora pintada de negro, posta aquí en en lembranza do naufraxio do Casón. Desde o porto encamiñámonos á praia da Ribeira, unha pequena cala que fixo de embarcadoiro antes construírse o peirao actual. Ao redor desta praia orixinouse o núcleo urbano. No extremo sur desta pequena cala está o castelo de San Carlos, unha das catro fortalezas que os Borbóns ordenaron construír para a defensa desta costa a mediados do século XVIII. Dentro dispoñía dunha nave para albergar unha pequena tropa. Foi arrasado durante a invasión francesa, sendo restaurado despois de moitos anos de abandono. No seu interior construíuse unha edificación que se utilizou para diversas finalidades: culturais, administrativas e sociais. Na actualidade está pendente de ser restaurado para dedicalo a fins culturais e turísticos. Desde o castelo trasladámonos á pequena praza de Ara Solis, na que destaca a capela do Bo Suceso, de estilo barroco, fundada polo párroco Mateo Pérez Porrúa no ano 1743. O retablo da capela maior, tamén barroco, está presidido pola Virxe do Socorro. Nesta mesma praciña hai unha casa antiga cun escudo e un reloxo solar que data de comezos do século XVII. A partir desta praza collemos en dirección oeste cara a igrexa parroquial e o faro. Ao final da vila, na estrada que se dirixe ao faro, atópase a igrexa de santa María das Areas. O seu afastamento da ribeira, pode tomarse como unha medida de protección contra as frecuentes invasións marítimas. Ten planta de salón, formada por unha capela maior rectangular, cuberta con bóveda de crucería e unha nave da mesma forma, dividida en catro tramos. A fachada principal presenta un trazado liso, con dous contrafortes nos extremos, destacando como elemento decorativo as arquivoltas románicas que delimitan a porta. Fronte a ela vemos catro arcos de medio punto sobre piares, que se levantaron para soportar o peso do pórtico, hoxe desaparecido. No extremo sur, adosada á nave, érguese a torre campanario do século XVI. A esta estructura primitiva de base románica, fóronselle engadindo varias construccións á ámbolos lados dos muros, que desfiguran a súa forma orixinal. Na parte norte, adosóuselle a capela do santo Cristo, a máis ampla, que data de finais do século XVII ou comezos do XVIII, de feitura barroca. O retablo, tamén deste mesmo estilo, foi esculpido polo santiagués Miguel de Romay. A imaxe do Cristo é gótica e foi cedidadoou por Vasco Pérez Mariño, natural de Fisterra e bispo de Ourense, quen donou unha imaxe semellante para a catedral ourensá.
Son moitas a lendas que se crearon ao redor do santo Cristo. Desde atribuírlle propiedades humanas como que lle medran a uñas ou o pelo, ata dicir que é obra do propio Nicodemo, o xudeu que axuda a desencravar a Cristo. Ó oeste da capela do Cristo, sitúase a antiga capela do Rosario, hoxe do Carme, de estilo plateresco. Neste mesmo muro norte ábrese unha fermosa porta de arco mixtilíneo, con escudos a cada lado. No muro sur sobresaen a sancristía e a capela de san Miguel e das Angustías, de finais do século XV. No campo que hai na parte sur desta igrexa é onde se escenifica a Resurrección de Cristo, o domingo de Pascua, á que acoden milleiros de romeiros. Desde a igrexa seguimos pola estrada que leva ao faro, un percorrido que nos ofrece excelentes vistas sobre as illas Lobeiras, o monte Pindo e a extensa praia de Carnota. Pasamos ao pé da fontes de Cabanas, que nos invita a facer unha parada , deixamos á dereita os cubos do cemiterio proxectado polo arquitecto César Portela, un proxecto innovador pero de pouco éxito popular. Despois de levar andado uns dous quilómetros e medio, chegamos ao faro, situado no extremo do cabo, a 143 metros de altitude. De fronte atopámonos cun edificio rectangular de dúas plantas. Na parte posterior sobresae a torre do faro de forma octogonal, coroada pola lanterna. Un edificio que data de 1853. Na parte sur sitúase a sirena, construída posteriormente, da que sobresaen dúas buguinas que emiten estrondosos sons cando hai cerrazón de néboa. Nos últimos anos o edificio do faro foi rehabilitado e dedicado a fins culturais e turísticos. Sobre un promontorio máis elevado destaca o edificio do Semáforo, antiga estación de emisión de sinais mariñas, tamén recuperado e destinado á hostalería. De volta do faro collemos unha pista á esquerda que sobe ao alto do monte Facho (241 m.). Ao comezar o ascenso atopámonos cun miradoiro construído despois de selar o vertedoiro que había o seu pé. Ascendemos unha empinada costa e chegamos ao alto do monte, onde veremos un recinto cerrado, no que se sitúan as antenas da Estación de Radio Telegráfica. Dentro deste, segundo Benjamín Trillo, estaría a tumba de Orcavella, topónimo que ven a significar arca vella ou dolmen, da que existe unha antiga lenda que fala dunha muller vella, que cansa de vivir, cavou unha tumba e encerrouse dentro cun xove pastor.
Despois de pasar este recinto cercado, sobre unha pequena elevación, que polo oeste precipítase cara ao mar, sitúanse as denominadas Pedras Santas, ás que fan referencia xa no século XVI, viaxeiros que se achegan a Fisterra. Veñen sendo dúas pedras case redondas que abalan. Desde este lugar temos unhas boas panorámicas sobre a praia do mar de Fóra e o cabo A Nao. Continuamos o camiño en dirección norte e baixamos a unha pista de terra que pasa entre o monte Facho e o monte de san Guillerme. A chegar a ela collemos á dereita para máis adiante tomar un camiño á esquerda que leva ao alto de san Guillerme onde se atopan os restos da capela dedicada a este santo. Desde este alto poderemos gozar de inmellorables vistas sobre a vila de Fisterra, a praia da Langosteira e o arco fisterrán. De par dun gran penedo, veremos os restos dos muros da capela e un sepulcro, que se podería corresponder coa cama, da que nos fala o padre Sarmiento, dicindo que alí acudían os matrimonios estériles para ter descendencia. No temos datos sobre a fundación desta ermida, sen embargo temos noticias que durante a Idade Media, foi un lugar importante de peregrinación, citado polo tribunais flamengos que impuñan como pena, peregrinar a un lugar afastado. Existen distintas versións sobre figura de san Guillerme, pero en realidade debe tratarse dun eremita que se retirou a vivir a este lugar. Retrocedemos polo mesmo camiño e ao chegar a pista collemos á dereita en dirección a Fisterra. Máis adiante deixamos unha pista á dereita e continuamos pola que se achega máis ao mar de Fóra para despois seguir por un camiño que nos leva á aldea da Insua. Despois de atravesala, baixamos de novo á vila de Fisterra, de onde partimos.
- Sendeirismo Costa da Morte
- Comments(0)