Ruta Ponteceso – Corme
admin Agosto 6th, 2009
DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 11 quilómetros.
Duración aproximada: 3 horas e media.
Dificultade: media-baixa, a dificultade estaría situada na beira da enseada polo encharcamento do terreo e na barra debido á area. Lugares de maior interese: Enseada da Insua, Praia de Valarés, Pedra da Serpe, praia da Ermida e vila de Corme.
INTRODUCIÓN
Este roteiro recorre a parte norte da ría de Corme e Laxe. No primeiro tramo do itinerario imos seguindo o curso baixo do río Anllóns, convertido aquí nun amplo esteiro, denominado Enseada da Insua, un espacio natural de grande interese ecolóxica. Cérrase este esteiro cunha barra de area que se formou polo encontro das correntes do río e do mar e que deu orixe ás dunas situadas na base do monte Branco. Bordeando a costa chegamos á acolledora praia de Valarés, e desde alí, seguimos por unha pista de terra que no leva a Gondomil,
aldea onde se atopa a coñecida Pedra da Serpe. A continuación baixamos á praia da Ermida e pola beiramar achegámonos á vila de Corme.
DESCRICIÓN DA RUTA
Iniciamos o percorrido na vila de Ponteceso, ao pé da casa onde naceu Eduardo Pondal, situada a beira do río Anllóns. Esta pequena vila formouse a partir da unión de dous pequenos núcleos que se crearon a ámbolos lados da zona brañenta. O da Trabe, pertecente á parroquia de Tella, que naceu co motivo da celebración da feira; e o de Ponteceso, situado ao pé da ponte, como zona de paso do camiño procedente de Laxe e Cabana, favorecido pola pequeno peirao que se construíu a súa beira e permitiu exercer unha certa actividade comercial. O traslado a este lugar da capital do concello tamén favoreceu o desenvolvemento da vila, instalándose nela outros servicios de ámbito municipal. O topónimo Ponteceso fai referencia a un paso cortado, por causa dunha antiga ponte derrubada cedida ou cesa. Tamén podería aludir a un trabuco ou censo aduaneiro que deberían pagar os usuarios da ponte ao cruzar o río. A ponte actual data de mediados dos século XIX, e substituíu a outra anterior. A verdadeira sona de Ponteceso venlle por ser o berce de Eduardo Pondal, un dos grandes clásicos da literatura galega. O seu pai, emigrante en Bos Aires, fixo fortuna e construíu en 1820 a casa que aínda se conserva á beira do río. Pondal foi o derradeiro de sete irmáns, e ante o falecemento da súa nai, criuose baixo a tutela do seu pai e das irmás maiores. Sempre estivo moi vencellado á súa vila natal, amosándose fachendoso de nacer nela.
Eu nacín en agreste soedade, eu nacín cabo dun agreste outeiro, por onde o Anllóns con nobre maxestade camiña ao seu destino derradeiro. Eu non nacín en vila in cidade mais lonxe do seu ruído lisonxeiro; eu nacín cabo de pinal espeso eu nacín na pequena Ponteceso. O marco xeográfico e histórico de Bergantiños influirá decisivamente na súa obra e serviralle para crear todo o seu mundo mítico e simbólico, baseado no celtismo. Partiremos da praza de Ponteceso, onde hai un monolito dedicado a Pondal, no que aparecen gravadas varias estrofas do seu poema A campana de Anllóns. A continuación paramos para observar a súa casa natal, na actualidade habitada pola familia dos Valdés, descendentes do bardo. Pasamos o serradoiro e comezamos a ver as primeiras marismas do malecón do Couto. Continuamos por Cedeira e Carracido e ao chegar ao Couto, tomamos unha pista á esquerda, que pasa por Currás e baixa cara ao esteiro. Unha vez alí, camiñaremos con tino e afán observador, xa que comezaremos a ver as primeiras aves acuáticas. O camiño vai bordeando a banda dereita do esteiro. Convén que realicemos esta parte do itinerario con afán observador e procurando escorrentar o menos posible as aves que hai nesta enseada. Neste amplo espacio natural, duns catro quilómetros de longo e un de ancho, diferéncianse varios ecosistemas, que se van sucedendo a medida que nos achegamos ao mar. Primeiro atopámonos cunha zona de marisma, na que medran diversas comunidades de plantas: xuncáceas, carrizos e salicornias, son as máis abundantes. Logo temos a chaira intermareal, que ocupa o espacio húmido ata onde chegan as augas da marea. Na baixamar, cóbrese cunha capa de algas mariñas, denominada cebado. Nesta zona é onde se ubica a colonia máis numerosa de aves. As familias máis abundantes son as anátidas e limícolas. Entre as primeiras destacan: o alavanco real, o pato asubión, o pato cincento, a cerceta real, o parrulo pentumeiro ou o parrulo cristado. Entre as segundas, temos os mazaricos, biluricos, pilros, píllaras. Pasada a illa dos Cagallóns, entramos na zona de dunas formadas polos ventos do suroeste que arrastran a area da barra. Unhas son móbiles, carentes de vexetación, e outras, colonizadas por plantas que foron capaces de adaptarse as difíciles condicións de supervivencia que se dan nestas zonas.
Seguindo o carreiro que bordea a costa axiña chegamos á praia de Valarés. Se temos folgos paga a pena subir ao alto do monte Branco para gozar da boa panorámica que nos ofrece. Valarés é unha pequena bagoada que remata nunha praia. Aquí estaba situada a capela de Santa Mariña, que actualmente está ubicada en Ponteceso, mandada trasladar por Cesáreo Pondal, irmán do poeta. Na parte occidental da praia hai un malecón que se construíu para embarcar o mineral de ilminita (ferro titanado) que se extraía neste lugar. Na actualidade esta praia e xunto co piñeiral que hai o seu carón, constitúen un dos lugares de espallamento máis concorridos da comarca.
Saímos de Valarés pola estrada de Ponteceso e logo collemos unha pista de terra á esquerda en dirección a Corme. Despois de circundar o monte da Facha, a pista lévanos a Gondomil, aldea na que se atopa a Pedra da Serpe, situada nun cruce de camiños. Sobre unha rocha erosionada que ten gravada a figura dunha serpe con ás, vemos unha cruz, símbolo da súa cristianización. Non hai unanimidade en canto a súa datación, aínda que a simboloxía que representa é anterior ao cristianismo, a súa construcción atribúese á época romana ou medieval. Conta a lenda que neste territorio había unha invasión de serpes, de xeito que a xente non podía habitalo. Santo Hadrián, que andaba predicando por alí, petou forte co pé no chan e fixo desaparecer aquela terrible praga, quedando as serpes encantadas baixo esta pedra. Desde Gondomil, baixamos á praia da Ermida, que leva este nome pola capela que houbo na illa da Estrela, situada fronte a ela. Saralegui fálanos da existencia nesta illa de dous círculos líticos e Antón R. Casal fai referencia a un castro. Continuamos pola beiramar, pasamos a praia do Osmo e entramos na vila mariñeira de Corme. As boas condicións naturais que presentaba este porto, foi o que determinou que medrara este núcleo urbano con respecto ás aldeas de arredor. A pesca, a industria de salgadura e o comercio marítimo foron o medio de vida dos cormeláns, durante o primeiro tercio do século XX, Corme non configuraba unha parroquia propia, senón que pertencía a CormeAldea. Na zona portuaria existía a capela de Nosa Señora dos Remedios transformada máis tarde en igrexa parroquial.
O núcleo urbano de Corme sufriu unha grande transformación nos últimos anos, o que lle fixo perder o encanto que tivo anos atrás, de súas rúas estreitas, casas con corredor ou patín, pintadas de branco que lle daban todo o sabor dunha pequena vila mariñeira. En Corme naceu o mariño Francisco Mourelle de la Rúa (1750-1820), quen participou nas exploracións e conquistas que España levou a cabo na costa pacífica de América do Norte dende a base de San Brais (actual México). Cruzou o Océano Pacífico en varias ocasións e deixounos un detallado diario da súa primeira viaxe que fixo explorando a costa pacífica de América do Norte.
Desde Corme podemos ampliar o noso percorrido visitando a punta do Roncudo, lugar coñecido pola boa calidade dos percebes que de aquí se extraen; ou a aldea do Roncudo, un pequeno núcleo de poboación que conserva ben a súa arquitectura tradicional.
- Sendeirismo Costa da Morte
- Comments(0)