DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 6 quilómetros.
Duración aproximada: 2 horas.
Dificultade: baixa.
Lugares de maior interese: Refuxio de Verdes, Castro redondo ou do Portal, pazo da Ponte e a chousa da Señora.

INTRODUCIÓN
O río Anllóns, arteria fluvial que rega as terras da comarca de Bergantiños, forma na parroquia de Verdes un espacio natural de grande interese xeolóxico, botánico e etnográfico, difícil de igualar en calquera parte de Galicia. Por tal motivo presenta unhas condicións idóneas para ser visitado e a partir del, realizar unha ruta de sendeirismo.

A ruta que propoñemos parte do mesmo Refuxio e segue o curso do río pola marxe esquerda ata a histórica Pontedona. Desde alí, seguindo o antigo camiño, subimos a Vilaverde para continuar por unha pista ata o lugar de Cereo Vello. Logo seguimos cara a Verdes para visitar o pazo da Ponte e a chousa da Señora, unha das poucas carballeiras que se conservan en Bergantiños, e retornamos de novo ao Refuxio.

O REFUXIO DE VERDES
O denominado Refuxio de Verdes, comprende un tramo de río dun 500 metros, desde o muíño de Pose ata os muíños das Sangueiroas, no que o Allóns se encaixa nunha banda de gneis que cruza perpendicular ao río, seguindo o trazado dunha falla. A resistencia á erosión desta rocha fixo que o río abrise camiño aproveitando as súas fracturas e rompendo o seu curso en numerosos brazos, separados por pequenos illotes dando lugar a unha continuada serie de rápidos e fervenzas. No leito do río tamén podemos apreciar a típicas marmitas de xigante, buratos circulares en forma de cazola, formados na parte da rocha onde resulta máis doada a súa erosión. No contorno desta fermosa paraxe medrou un interesante bosque de ribeira, formado no seu estrato arbóreo por: abeneiros, freixos, salgueiros e carballos; pero tamén podemos ver piñeiros, loureiros, estripeiros, abeleiras, etc. No referente ao estrato herbáceo temos unha boa variedade de fentos e outras plantas propias das beiras dos ríos. Polo que respecta á fauna maior do río, Verdes foi un dos mellores coutos troiteiros de Galicia. En tempos atrás, abundaba o reo, o salmón e a troita. A contaminación que sufriron as súas augas mermaron moito esta riqueza. Nos últimos anos a vida do río mellorou, pero aínda cómpre realizar un gran esforzo para que as súas augas volvan ao seu estado natural. A abundancia de muíños que vemos nos arredores do Refuxio, atribúenlle a Verdes un estimado valor etnográfico. Nun espacio de curta distancia hai un total de 15 muíños, nos que moían o trigo ou millo os veciños de Verdes e Cereo. Na actualidade o seu estado de conservación é bastante calamitoso, a non ser os restaurados como refuxio. Cumpría restauralos para non perder este interesante patrimonio cultural.

Verdes tamén desempeña a función de área recreativa, á que acoden durante o ano moitos visitantes a pasar o día e gozar do repouso e serenidade que ofrece este fermoso lugar. O que nun principio naceu como un simple refuxio de pescadores, categoría que aínda conserva hoxe en día, converteuse na mellor área recreativa da comarca.

DESCRICIÓN DA RUTA

Despois de observar a parte do río correspondente ao Refuxio, comezamos o percorrido deste roteiro atravesando a ponte que hai de par dos muíños que fan de refuxio de pescadores. O camiño que leva dirección noroeste, vai bordeando a canle do río pola beira esquerda. Ao comezo vemos algún muíño en ruínas, pertencente aos veciños de Vilaverde. Acompáñanos durante este parte do percorrido o bosque de ribeira que foi medrando nas beiras do río. Logo de levar camiñado preto dun quilómetro, chegamos a Retorta, topónimo que alude á curva que fai o río neste lugar, cambiando a súa dirección cara ao suroeste e realizando un ángulo recto. O motivo desta curva é a banda de granitos perpendiculares á canle que obrigan as súas augas a xirar. As terras da súa marxe esquerda son máis chans, con aproveitamento para o cultivo. Axiña avistamos a Pontedona, unha construcción antiga pola que atravesaba o camiño real que desde Agualada se dirixía a vila oleira de Buño.

Coa construcción da estrada poucos son os usuarios que utilizan este paso, pero non deixa de ter un valor histórico de interese. Nós tomamos este vello camiño que leva á aldea de Vilaverde, un núcleo de agricultores na que podemos apreciar boas casas de cantería cos seus cabazos ou hórreos tipo Coristanco. A partir de Vilaverde seguimos a pista que leva a Cereo Vello, que atravesa unhas boas agras de cultivo, nas que se colleitaba excelente trigo que lle deu sona a Bergantiños de terra farturenta. Nunha destas leiras, denominada agra da Condomiña, apareceu abundante tégula romana, indicio dalgunha construcción daquela época. Cereo Vello, como o seu nome indica, constitúe o primitivo núcleo da parroquia. Nunhas leiras situadas entre esta aldea e a de Cruz de Agrelo, sitúase o castro Redondo ou do Portal, un recinto circular cun muro arredor. O seu interior foi convertido en terra de cultivo, eliminando todo tipo de vestixio de construccións anteriores.

En Cereo Vello emprazase a casa fidalga dos Caamaño, na actualidade bastante transformada, pero que deixa apreciar o seu aspecto señorial na porta principal. Riba do seu dintel vemos unha cornixa con dous chapiteis nos extremos, e entre eles, un escudo dividido en catro cuarteis, no que aparecen os símbolos dos Manueles, Ayala ou Pardiñas. Persoeiros destacados emparentados con esta casa foron: Fabián Pardiñas Villardefrancos, poeta; Ramón Ayala Villardefrancos, alcalde de Santiago e Ramón Pardiñas Villardefrancos, deputado en cortes no século XIX. O conxunto arquitectónico complétase cun longo hórreo e un pombal. Desde Cereo Vello, continuamos camiño pola estrada que leva a Verdes e cruza o Anllóns polo lugar da Ponte. Unha vez pasado o río atopámonos de fronte cos muros da cerca pertencente á casa señorial do pazo da Ponte, fundada pola familia dos Cancela de Arixón (Seavia-Coristanco), que logo emparentaron cos Leis, Turnes e Romero, do pazo de Loroxo (Cambre-Malpica). A casa soarega consta dunha alongada edificación, cunha pequena torre, mais carece de símbolos heráldicos. Preto dela hai outras construccións antigas, nas que vivían os caseiros. Na parte oeste do lugar, achegada ao río, sitúase unha pequena fraga ben conservada que leva o nome de Chousa da Señora, en alusión á dona do pazo. Desde este lugar podemos regresar de novo ao Refuxio, ben seguindo a estrada que pasa por entre as casas de Verdes, ou senón, collendo o carreiro que bordea o río Anllóns.