DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 9,83 quilómetros
Duración aproximada: 3h
Dificultade: media
Tipo: ruta circular a pé
Coordenadas inicio: lat: N42 25.1300, lonx: W744.9453
Altitude min: 117 metros / Altitude max. 690 metros
Desnivel acum. subindo: 767 metros / Desnivel acum. baixando: 974 metros
Lugares de maior interese: Bosque autóctono, Mosteiro de Santo Estevo, paisaxe e Canón do Sil

RUTA: Ribeira Sacra ­ Sendeirismo San Xoan Cachón

DESCRICIÓN DA RUTA
Pártese dende o Mosteiro de Santo Estevo. De fronte ao Mosteiro, coller á man esquerda pasando diante do cruceiro e adentrarse no camiño. Empréndese camiño no sentido das agullas do reloxo. Na primeira bifurcación hai que coller o camiño da dereita que baixa de forma pronunciada.

(WP1) Vista cara Santo Estevo. Hai que mirar cara á dereita e arriba para ver o mosteiro entre as árbores.
(WP2) Vista do pobo de San Cosmede. Na beira de enfronte podemos ver o pobo de San Cosmede que se atopa na provincia de Lugo. Antigamente neste tramo do río había unha barca que permitía pasar dende o lado de Ourense a San Cosmede. Este traxecto tamén formaba parte do paso que tiñan os monxes para ir dende o Mosteiro de Santo Estevo ata o Mosteiro de Pombeiro (provincia de Lugo). Seguimos baixando e nalgunha parte, pouco antes de chegar á estrada, hai un desvío ao eremitorio de San Xoan de Cachón, onde ten a súa orixe o Mosteiro de Santo Estevo. Nós non o atopamos.
(WP3) Estrada que vai polo Canón do Sil. Seguimos cara á dereita pola estrada que bordea o Canón do Sil. Aquí podemos observar a flora típica produto do microclima no Canón. Non só hai especies autóctonas de flora atlántico-continental senón tamén de flora mediterránea coma a lavanda, a xara, sobreira, érbedo, etc.
(WP4) Desvío ó camiño natural cara a Santo Estevo. Aquí pódese subir directamente cara ao Mosterio de Santo Estevo. Nós propoñemos seguir cara á Estación de Saton Estevo e volver despois a este punto. Na outra man están as vías do tren que vai dende Ourense a Monforte de Lemos.
(WP5) Ponte sobre o río Sil. Ponte sobre o río Sil xunto á desembocadura do río Cabe que vén de Monforte. O pobo que se ve na beira de enfronte chámase A Barca; teñen unha pasarela peonil sobre o Cabe para acceder á Estación de Santo Estevo e á provincia de Ourense. Para ir dende aquí en coche ata A Barca tárdanse polo menos 30-45min porque hai que dar unha volta tremenda; a pé son 5min.
(WP6) Santo Estevo Estación. Aínda que non o pareza, aquí aínda paran algúns trens dende e cara a Ourense. Hai unha casa de comidas “Taberna Manolo” onde sirven comida caseira a bo prezo. Durante a semana hai menú de 13h a 15h; prezo aprox. 10 e a fin de semana á carta; entre 12 e 15. Tel. de contacto: 982 152 502.
(WP7) Vistas ao Mosteiro de Santo Estevo. Despois de subir dende o río pasando por algunhas construcións típicas abandonadas coma os sequeiros de castañas, avistamos de novo o mosteiro entre a follaxe das árbores.
(WP8) De volta a Santo Estevo.