Ruta Baio – As Torres do Allo
admin Agosto 4th, 2009
* Lonxitude aproximada: 12 quilómetros.
* Lonxitude aproximada:
* Duración aproximada: 3 horas
* Dificultade: media-baixa, habería certa dificultade nos tramos de camiño que coincide coa estrada comarcal.
* Lugares de maior interese: as torres e a igrexa do Allo, a área recreativa e o dolmen de Pedra Vixía e a carballeira de Baio.
Este itinerario polo centro da Terra de Soneira, sitúase no curso medio do río Grande, tendo como punto inicial a propia vila de Baio. Un núcleo no que se ven celebrando unha feira desde tempos moi antigos.
O río divide a vila en dúas partes, que administrativamente pertencen a concellos distintos, Vimianzo e Zas.
A primeira parte do percorrido é máis urbano e de interese histórico, e a segunda ten un maior compoñente natural.
Pasamos pola antiga igrexa de Baio, e pola casa do escritor Henrique Labarta Pose, situadas situadas na parte máis antiga da parroquia, denominada Baio Pequeno, en contraposición ao núcleo novo que se formou ao longo da estrada AC-552.
Despois a través do barrio do Chamberín dirixímonos á Cacharosa, e ás Torres e igrexa, lugar de maior interese histórico e arquitectónico da ruta. Á volta visitaremos a área recreativa de Pedra Vixía e o dolmen do mesmo nome, para retornar seguindo o curso do río Grande que nos trae de nova á vila de Baio.
DESCRICIÓN DA RUTA
Comezamos a ruta de par da ponte de Baio, situada sobre o río Grande, construída no ano 1853, cando se trazou a estrada comarcal. Collemos pola estrada AC-430, cara a Ponteceso. Logo de camiñar uns 800 metros, chegamos á antiga igrexa parroquial de Santa María de Baio, unha construcción barroca da primeira metade do século XVIII. Amósanos unha fermosa fachada na que se abre a porta principal enmarcada por unha dobre orelleira. Riba da porta hai unha fornela coa imaxe da Virxe. A espadana, con feitura xa neoclásica, é de época máis tardía. A partir de aquí collemos en dirección a Baio Pequeno, onde se sitúan as casas máis antigas da parroquia. As primeiras casas configuran o barrio dos Carballos da Botica, nunha da casa de catería que forma ángulo, situada á man dereita, foi onde naceu o escritor Henrique Labarta Pose (1863-1925), a figura literaria máis importante da Terra de Soneira.
Estudiou Dereito en Santiago, cidade que lle ofreceu a oportunidade de relacionarse con outros escritores galegos como Valle Inclán ou Alfredo Brañas. Nunca se dedicou á avogacía, senón que exerceu de funcionario de facenda en Pontevedra.
Fundou varias revistas literarias e publicou algúns libros de poesía, pero a meirande parte da súa obra atópase espallada en revistas e xornais da época. Nos seus textos reflicte a verdadeira psicoloxía da xente do medio rural.
Máis adiante á esquerda, vemos unha casa á beira da estrada cun fermosa balcón, denominada a «Casa do
Escultor», Chamada así porque nela viviu o escultor Agustín Martínez Ribera (1761-1833), quen tallou obras para
varias igrexa de Soneira.
Seguindo esta mesma estrada chegamos á praza do Campo do Rolo, denominado así pola existencia dunha
columna cilíndrica ou rolo que faría referencia á división dunha xurisdicción señorial ou a un lugar onde se
axustizaba aos reos. A praza está presidida polo edificio das escolas de Agra Regueiro, custeadas polos veciños
de Baio, e que levan o nome dun antigo mestre baiés.
Próxima a esta praza está a nova igrexa de Baio, construída a iniciativa do arcebispo Romero de Lema.
No Campo do Rollo tomamos unha pista á esquerda en dirección ao barrio do Chamberín que non leva ao cruce
da Cacharosa. Neste cruzamento onde conflúen as estradas da Coruña e Santiago, atópase a casa da familia
Romero de Lema, que destaca pola súa ampla galería. Entre os membros desta ilustrada familia baiesa
destacan os eclesiásticos Maximino Romero de Lema e Uxío Romero Pose. Arrimada a esta casa pola súa parte
sur hai unha pequena edificación na que hai un pequeno museo do liño.
Seguimos o itinerario pola beirarrúa esquerda da estrada comarcal 552 en dirección á Coruña, convertida aquí
nunha travesía urbana; máis adiante, collemos o desvío da estrada antiga e logo desviámonos á esquerda pola
estrada que leva a San Fins do Castro e a Cesullas. Despois de pasar a aldea do Pombal, desviámonos á dereita
pola pista que leva ás Torres do Allo, un dos pazos de maior interese arquitectónico da Costa da Morte.
Consta dun longo edificio formado por dúas torres nos extremos, unidos por un corpo rectangular. A torre norte é a máis antiga (finais do s. XV ou comezos do XVI). O resto do edificio foi construído na segunda metade do século XVII, aínda que seguindo o estilo protorrenacentista da torre máis antiga. Nas dúas torres é onde se amosa a maior riqueza arquitectónica: nas fiestras, balcóns, escudos e molduras.
Na simboloxía dos escudos aparecen representadas as familias dos Rioboo (torre envolta en silvas), os Caamaño (piñeiro e lanzas), Seixas (cinco pombas), Losada (dous lagartos baixo un lousa) e os Figueroa (cinco follas de figueira).
A uns 200 metros do pazo, sitúase a igrexa parroquial de San Pedro do Allo, vencellada tamén na súa orixe á familia dos Rioboo, como indican os dous escudos que hai no chan da capela maior.
Nesta construcción podemos apreciar as característica da arte relixiosa da segunda metade do século XVI, á que corresponderían as partes máis antigas: capela maior, a nave e a fachada. Esta última é a parte de maior interese arquitectónico. Na súa portada-retablo reflíctense o estilo renacentista seguindo o gusto manierista da época. A súa estructura seméllase a dun arco de triunfo no que se representa a idea do pecado orixinal.
Na parte baixa, Adán e Eva, representando o pecado; enriba, as imaxes do arcanxo San Gabriel e María, que representa a redención. No centro, San Pedro, patrón da parroquia e da igrexa católica.
Regresamos de novo ás torres e continuamos o camiño a través da fermosa avenida arborada de vellos carballo que nos leva a estrada AC-552. Atravesamos e collemos de fronte a estrada cara a Lamas. Cruzamos o río Grande e pasamos a pista que leva a Coto Muíño, un pouco máis adiante metémonos á dereita por unha pista de terra que atravesa un monte de piñeiros e eucaliptos e que desemboca na estrada AC-545 de Baio a
Santiago. Seguimos por ela en dirección a Baio uns 300 metros e collemos á esquerda a pista da área recreativa de Pedra Vixía, situada a beira do río de Zas, un afluente do Grande.
Este espacio natural ten como centro un illote que se formou no medio do río, no que podemos apreciar un acolledor bosque de ribeira formado por ameneiros, carballos, salgueiros e piñeiros. Este espacio está humanizados a través de pontellas que cruzan o río, mesas, barbacoas, unha fonte e un rodicio vertical, que se corresponde co lugar onde se situaba o antigo serradoiro da familia Romero Martínez, pai dos ilustrados Romero
de Lema, que movía a súa maquinaria con enerxía hidráulica.
Seguindo augas arriba pola marxe dereita do río (como imos en dirección contraria á corrente queda a nosa esquerda), chegaremos ao dolmen de Pedra Vixía. Pasamos primeiro por un presa, logo por un muíño e ao pasar dous muíños xuntos, xa vemos á esquerda o dolmen no medio duns piñeiros.
A súa estructura está moi alterada debido ao movemento dos bloques de pedra que o formaban. Consérvanse
sete chantas e un anaco da cuberta.
Voltamos de nova á area recreativa e á estrada comarcal 545, collemos en dirección a Baio. Ao pasar a ponte Lodoso, seguimos o camiño de pescadores que hai pola beira do río. Pasamos arrentes do campo de fútbol do C.D. Baio e dun muíño restaurado que hai de par. O camiño atravesa por un monte de piñeiros e axiña chega a instituto de ensino secundario de Baio. Pasado este edificio avistamos as primeiras casas do núcleo baiés. Máis adiante chegamos a unha presa dun muíño tamén restaurado e voltamos a cruzar outro anaco de monte.
Avistamos de novo as casas de Baio que nos acompañan ata a fin do traxecto.
O camiño pasa por unha extensa fraga, A Carballeira, alfombrada de abrótidas. Propiedade da familia dos Astray, na que se celebra as Festa da Carballeira de Baio, o último domingo de xuño, e a Festa da Troita.
Pasado este fermoso lugar o río discorre por unha zona de prados ata chegar á vila de Baio. Resúltanos difícil achegarnos á ponte de onde partimos seguindo a beira do río debido ás construccións que se fixeron case enriba del.